Ir o contido principal

O iARCUS reuniu os socios do proxecto Cure4Aqua de mellora da saúde dos peixes cultivados

Foto de grupo das persoas asistentes á xuntanza. Foto: iARCUS
Foto de grupo das persoas asistentes á xuntanza. Foto: iARCUS
Na xuntanza, un equipo da USC presentou os seus avances no desenvolvemento dunha vacina para protexer o linguado, a dourada e a robaliza fronte á necrose nerviosa viral

O Instituto de investigación do medio acuático para unha Saúde global (iARCUS) da USC reuniu estes días na súa sede compostelá os socios do proxecto Horizon Cure4Aqua, de busca de estratexias innovadoras para mellorar a saúde e o benestar dos peixes cultivados, aproveitando a celebración da súa cuarta asemblea xeral.

En Cure4Aqua participan investigadores de máis de 20 grupos de investigación procedentes de Alemaña, Austria, Dinamarca, España, Grecia, Irlanda, Portugal, República Checa, Reino Unido e Suíza.

Na xuntanza de traballo, o persoal investigador asistente presentou os seus últimos resultados e debateu cos membros de iARCUS para buscar nexos de interacción que permitan o desenvolvemento de novos proxectos cooperativos.

En  Cure4Aqua xoga un papel importante o equipo de viroloxía de iARCUS, dirixido por Isabel Bandín, que presentou os seus avances no desenvolvemento dunha vacina de proteína recombinante, en colaboración cun equipo do CIQUS liderado por Martínez-Costas, para protexer o linguado, a dourada e a robaliza fronte á necrose nerviosa viral, unha enfermidade que causa elevadas mortalidades nos criadeiros destas especies.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2024.