‘Hacho’, a singularidade anatómica dun can único no mundo
As formas, dise, quitan ou dan razóns, pero, ás veces, as apariencias agochan singularidades anatómicas ou morfolóxicas únicas, tal e como é o caso de Hacho, un can de caza, cruce de Pachón navarro, quen vén de converterse no primeiro caso coñecido de cánido sen órgano vomeronasal, segundo recolle ‘VetRecord’ nun artigo publicado por Susana Muñiz de Miguel, veterinaria que está a completar a diplomatura europea en Medicina do Comportamento Animal no Hospital Rof Codina, do que tamén figuran como asinantes os docentes e investigadores no Campus Terra da USC José Daniel Barreiro Vázquez, Pablo Sánchez Quinteiro, Irene Ortiz Leal e Ángela González Martínez.
O nariz bífido, os comportamentos agresivos e unha marcada falta de apetencia sexual actuaron como indicadores que delataron o segredo de ‘Hacho’, unha mascota única por ser o primeiro cánido identificado sen órgano vomerosanal e tamén sen ‘septum pellucidum’, tal e como se coñece o fino tabique situado na parte central do encéfalo.
A continuada observación das particularidades de ‘Hacho’ por parte da súa titora, que acolleu esta este animal cando apenas contaba con catro meses e non contaba como máis referenciais que o resto de individuos da camada e a familia de Cuenca á que pertencían, propiciou que Susana Muñiz optara por someter a tratamento farmacolóxico e de conducta a súa mascota, a fin de enmendar certos comportamentos.
“O tratamento xurdiu efecto”, lembra Muñiz de Miguel, aínda que “os problemas non desapareceron por completo”, dixo. Daquela, engadiu esta investigadora, decidín facerlle a Hacho unha resonancia magnética e un TAC coa pretensión de ter un coñecemento máis exhaustivo respecto das posibles causas da falta de habilidades sociais de Hacho e tamén en relación da súa hiperactividade, pois “o can non era capaz de durmir incluso despois de xornadas con importante actividade física”.
A realización destas probas impliciou a participación neste estudo dos investigadores do grupo de Morfoloxía Animal (Morfan) da Facultade de Veterinaria Pablo Sánchez Quinteiro e Irene Ortiz Leal, cuxas liñas de traballo prestan especial atención ao órgano vomeronasal e á comunicación a través de feromonas. Do mesmo xeito, José Daniel Barreiro Vázquez tamén colaborou en tarefas de diagnóstico por imaxe, mentres que Ángela González, unha das sete veterinarias existentes en España que conta con diplomatura europea en Medicina de Comportamento Animal e mentora de Susana, tamén colaborou guiando a Susana no caso, relata a titora de Hacho.
As achegas realizadas por todos estes investigadores, sumadas ás probas anatómicas practicadas, permitiron identificar a Hacho como o único can coñecido que carece de órgano vomeronasal, unha eiva, que, segundo subliña Susana Muñiz, non afecta ao sentido do olfacto, pero si que condiciona moitas outras das súas condutas, conclúe.