Ir o contido principal

O grupo XuvenCiencia da USC organiza unha xornada para achegar a I+D+i do Campus Terra ao profesado de ensino medio

Docentes de ensino medio, nun obradoiro das xornadas de XuvenCiencia
Docentes de ensino medio, nun obradoiro das xornadas de XuvenCiencia
A Biblioteca Intercentros de Lugo acollerá o 5 de novembro a terceira edición deste programa, que ofrece 30 prazas. A pre inscrición permanece aberta ata o 20 de outubro

O grupo Divulgación da Ciencia e da Tecnoloxía XuvenCiencia da USC, coordinado pola profesora Mercedes Novo, celebrará o 5 de novembro a terceira edición do programa ‘XuvenCiencia para profesorado’, unha iniciativa que busca divulgar e achegar o traballo cotiá de docencia e investigación que se desenvolve nas aulas e laboratorios universitarios do Campus Terra da USC a profesores de ensino secundario.

A posta en marcha de actividades conxuntas no contexto científico que teñan como obxectivo fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre o estudantado de secundaria constitúe outro dos obxectivos da xornada XuvenCiencia para profesorado, un foro que traballo que desenvolverá as súas sesións na Biblioteca Intercentros e en distintos laboratorios da sede universitaria luguesa. Outra das pretensións deste programa, que conta con financiamento da Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt) e que, nesta edición, tamén ten o patrocinio da empresa luguesa AMSlab, que sufragará os kits educativos destinados aos centros da montaña lucense, pasa por avanzar na formación de grupos de traballo de profesorado de ensino secundario e universitario para o desenvolvemento de materiais educativos de carácter experimental e interactivo, ademais de pequenos proxectos científicos. O prazo de pre inscrición nestas xornadas, para as que a USC ofrece un máximo de 30 prazas, está aberto ata o 20 de outubro e pode facerse en liña a través do formulario habilitado na web da USC. A matrícula, cuxo prezo é de 10 euros, poderá formalizarse tamén na web durante semana do 21 ao 27 deste mes. As persoas interesadas poden atopar máis información na web www.usc.es/xuvenciencia/xornadas. Programa O programa desta xornada inclúe dous itinerarios, un dirixido ao profesorado das áreas de Ciencias da Vida e Experimentais (Física-Química, Bioloxía-Xeoloxía e Tecnoloxía) con tres kits educativos para iniciar na investigación ao alumnado de secundaria e bacharelato (programa XuvenCiencia na aula), e outro dirixido ao profesorado de áreas de Ciencias Sociais, Artes e Humanidades (Debuxo, Lingua e literatura galega, Lingua castelá e literatura, Xeografía e Historia e Filosofía e Antropoloxía). Esta opción permitirá presentar algunhas liñas de investigación neste eido do Campus Terra da USC, ao tempo que posibilitará a formación de grupos de traballo de profesorado de ensino secundario e universitario para o desenvolvemento de propostas e materiais educativos dirixidos á experimentación nas aulas e á práctica investigadora.

Os asistentes á xornada das áreas de Ciencias da Vida e Experimentais recibirán un kit educativo e a formación para o seu aproveitamento co seu alumnado nas aulas, comprometéndose á colaboración cos responsables correspondentes do grupo XuvenCiencia (seguimento, valoración por parte dos estudantes, informe final de resultados, etc.). Para cada proxecto poderán participar como máximo dous docentes do mesmo centro educativo, recibindo en tal caso un único kit para o centro. Pódese atopar información completa sobre os kits no enlace: http://www.usc.es/xuvenciencia/aula/gl/.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2016.