O grupo Síncrisis promove un encontro internacional que afonda no estudo da Alta Idade Media dende un enfoque comparativo e interdisciplinar

O grupo de investigación Síncrisis da USC promove a Xornada de Estudos Internacionais ‘Identités, contacts et changements à travers le haut Moyen Âge (IV-X siècle)’, un evento académico que reunirá especialistas da Alta Idade Media de Francia e España o vindeiro 10 de abril no Instituto Ausonius da Université Bordeaux Montaigne. A xornada xorde da colaboración internacional de Celtia Rodríguez González, integrante de Síncrisis e de CISPAC, cos investigadores franceses Tiphaine Joseph Balaguer e Tom Balbin-Estanguet, do Instituto Ausonius da Université Bordeaux Montaigne. No seu desenvolvemento, a iniciativa conta co respaldo ademais do proxecto ‘Coidarq: Coidados, Materialidades e Espazos’, financiado polas axudas posdoutorais da Xunta de Galicia. O obxectivo do encontro é actualizar e debater os conceptos de identidade e cambio entre os séculos IV e X d.C., a través de diversas perspectivas arqueolóxicas e históricas.
A xornada permitirá o debate sobre o estado da investigación nalgún dos principais xacementos galegos deste período como a aldea altomedieval de San Vicente de Trigás (Mondoñedo) ou Castelo de Valencia do Sil en Vilamartín de Valdeorras, que están a ser estudados mediante diversas metodoloxías interdisciplinares. Ademais, prestarase atención a outras investigacións sobre al-Andalus no sur peninsular e abordaranse tanto o campesiñado altomedieval na Meseta como as identidades e arquitecturas funerarias do sur de Francia.
No seu conxunto, e como explica o equipo promotor do seu desenvolvemento, este evento representa unha “oportunidade única para afondar no estudo da Alta Idade Media dende un enfoque comparativo e interdisciplinar, consolidando redes de cooperación entre especialistas de diferentes institucións e países”. Para iso, o evento poderá seguirse en liña a través da plataforma Zoom e desenvolverase en castelán e francés.
No programa do encontro participarán persoal investigador de ambos os dous países como Isabelle Cartron, profesora de Arqueoloxía no Instituto Ausonius (Université Bordeaux Montaigne); Nicolas Mías, do Gipypac da Universidade do País Vasco e do Archéosciences UMR 6034 (Université Bordeaux Montaigne); Irene Sánchez Salinero, profesora na Universidade Rey Juan Carlos; José María Moreno Narganes, doutor en Arqueoloxía Medieval de al-Andalus pola Universidade de Alacant; Carlos Tejerizo García, investigador posdoutoral e profesor de Historia Medieval na Universidade de Salamanca; e o José Carlos Sánchez-Pardo, profesor de Arqueoloxía na Universidade de Santiago de Compostela, quen se encargará das conclusións do evento.
O encontro está financiado a través dos fondos do Grupo de Investigación Síncrisis da USC, o Proxecto Coidarq das axudas posdoutorais da Xunta de Galicia 2024 e o Institut Ausonius UMR 5607 da Université Bordeaux-Montaigne.