Ir o contido principal

Gonzalo Fernández apela á unidade e ao servizo público da docencia na súa toma de posesión como decano de Veterinaria

O profesor Fernández Rodríguez é decano da Facultade de Veterinaria da USC dende 2020
O profesor Fernández Rodríguez é decano da Facultade de Veterinaria da USC dende 2020
O reitor Antonio López Díaz salientou que “temos que estar licitamente orgullosos da Facultade que temos”
Lugo

“Todos formamos parte dun proxecto común e só dende unha unidade consensuada e a colaboración podemos ter posibilidades de éxito”. Así se manifestou o profesor da USC Gonzalo Fernández Rodríguez durante a súa toma de posesión como decano da Facultade de Veterinaria, nun acto que estivo presidido polo reitor Antonio López Díaz. “Queremos ser ambiciosos xa que, como se demostrou ao longo da historia desta facultade, o compromiso de todos os sectores que formamos esta comunidade superou situacións e obtivo resultados moi superiores aos que era de esperar polas circunstancias de cada momento”, destacou o profesor Fernández Rodríguez no acto que se desenvolveu este martes 29, no Auditorio do centro.  

“Temos que estar licitamente orgullosos da Facultade que temos”, reiterou na mesma liña o reitor Antonio López para despois realizar un repaso polos corenta anos de estudos veterinarios na USC. “Foi un acerto traer os estudos de Veterinaria a Lugo”, lembrou, por mor, entre outros aspectos “da vinculación da provincia co sector primario”. Antonio López tamén se detivo na “posición excelente” que Veterinaria acada, de ano en ano, nos diferentes rankings internacionais de universidades, proba da “boa docencia, bos equipamentos e magnífica investigación” que se realiza do Campus de Lugo. O reitor aproveitou a intervención para poñer o foco nalgúns dos retos máis inmediatos aos que se enfronta a Universidade no seu conxunto como son o relevo xeracional ou a evolución demográfica. Antonio López destacou que este centro e este campus “teñen unha capacidade moi grande para captar estudantado”.

Calidade

No transcurso dun acto no que tamén interveu a secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, quen deu lectura ao nomeamento do decano, o profesor Fernández Rodríguez quixo poñer o foco na súa vontade de servizo público. “A nosa obrigación principal é servir e facilitar as actividades que permitan realizar unha docencia de calidade. A formación do noso estudantado debe ser sempre o primeiro”, destacou o decano que dá comezo, deste xeito, ao que xa é o seu segundo mandato.

No seu percorrido polos retos pasados e futuros, Gonzalo Fernández lembrou a obtención do Selo de Calidade de Grao de Excelencia da Xunta de Galicia e destacou que en marzo do vindeiro ano producirase a seguinte visita para manter a acreditación internacional da Asociación Europea de Establecementos de Educación Veterinaria (EAEVE). Para manter a liña trazada ata o de agora, o decano continuará arroupado polo mesmo equipo de traballo, para quen tamén tivo palabras de agradecemento. Nos vicedecanatos continúan Luís Ángel Quintela Arias, Margarita Rico Gomez e Maribel Quiroga Berdeal, mentres que José María Alonso Meijide segue á fronte da secretaría do centro.

O profesor Fernández Rodríguez lembrou que cando se presentou á reelección comunicou aos membros da comunidade universitaria “que faciamos noso o programa reflectido no Plan Estratéxico 2024-2026 elaborado polo centro”. Neste senso destacou que a incorporación nos últimos anos de novo profesorado “fainos ser optimistas en que poidan participar nun relevo xeracional na dirección do centro”. Así, o decano repasou algún dos puntos máis salientables do Plan como é o caso de situar o estudantado no centro da docencia, a xestión eficiente de recursos, a innovación docente, transformación dixital e internacionalización; a comunicación, transparencia e transferencia; ou o incremento de actividades extracurriculares, entre outros aspectos.  O decano tivo tamén palabras de agradecemento para o reitor pola súa comprensión cos problemas do centro.

Traxectoria

Gonzalo Fernández Rodríguez estudou Veterinaria na primeira promoción da facultade do Campus de Lugo (1984-1989), doutorándose posteriormente no ano 1995. Traballou nos programas de control de mamite, foi xefe de sección de Bacterioloxía no Laboratorio de Sanidade e Produción de Galicia, xefe de servizo de Gandería da provincia de Lugo e subdirector xeral de Gandería da Xunta de Galicia. É profesor da USC desde 1996, primeiro como docente asociado e posteriormente como profesor titular de Universidade na área de Sanidade Animal. Pertence ao grupo INVESAGA de referencia competitiva da Xunta de Galicia e é membro da Academia das Ciencias Veterinarias de Galicia. O profesor Fernández Rodríguez é decano da Facultade de Veterinaria da USC dende 2020.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2024.