Ir o contido principal

O Foro OcioGune aborda en Compostela o papel da educación e o lecer na transición socioecolóxica urbana

'Tempos, cidades sostibles e emerxencia climática' é o lema deste foro. FOTO: Santi Alvite
'Tempos, cidades sostibles e emerxencia climática' é o lema deste foro. FOTO: Santi Alvite
As persoas interesadas en inscribirse neste encontro que se desenvolverá na Facultade de Ciencias da Educación poden facelo ata este venres 20 de setembro

O papel da educación e do lecer nos espazos urbanos para afrontar a transición socioecolóxica é un dos eixos do Foro Internacional OcioGune Compostela 2024, que terá lugar os días 26 e 27 de setembro na Facultade de Ciencias da Educación e que será un espazo para a aprendizaxe, a reflexión e o diálogo arredor de diferentes realidades dos tempos educativos e sociais.

Nesta edición o lema é Tempos, cidades sostibles e emerxencia climática, e o encontro está promovido polos equipos de investigación SEPA-interea da Universidade de Santiago de Compostela, GIAS da Universitat Ramón Llull e PsicoTemps+ da Universitat de Barcelona, tres dos dez que integran a Rede OcioGune de investigación en ocio. As persoas interesadas en asistir aínda poden inscribirse ata este venres 20 de setembro.

Entre as actividades programadas destacan os tempos de diálogo Cidades, educación e transición socioecolóxica ante a emerxencia climática, que modera o catedrático de Pedagoxía Social da USC José Antonio Caride e Educar nas cidades: lecer e sostibilidade, que modera o profesor Héctor Pose, da Universidade da Coruña. O espazo dedicado a experiencias vinculadas a Cidades sostibles e cambio climático será moderado polo profesor da USC Pablo Meira. Así mesmo falará de Sentido do lecer ao longo da vida o catedrático emérito da Universidade de Deusto Manuel Cuenca Cabeza.

Na programación tamén se contemplan  espazos de traballo e encontro para as persoas e grupos que conforman a Rede OcioGune, que foi creada no ano 2009 sendo recoñecida como Rede de Excelencia  investigadora e que vincula as súas propostas formativas, científicas e de transferencia de coñecemento á investigación e innovación en educación do ocio, cidadanía inclusiva e desenvolvemento humano, integrando grupos de investigación das Universidades de Barcelona, Burgos, Deusto, A Rioxa, Pablo de Olavide, Santiago de Compostela e a Nacional de Educación a Distancia. A eles engádense tres equipos colaboradores das Universidades da Coruña, Autónoma de Madrid e Ramón Llull.  

A Rede busca conciliar a especialización do persoal docente e investigador e dos seus equipos coa polivalencia e a transversalidade inherentes á investigación e innovación no lecer, a educación inclusiva, os dereitos da cidadanía e o desenvolvemento humano, individual e colectivamente. Desde o ano 2023 a súa presidenta é a profesora Belén Caballo Villar, do equipo de investigación SEPA-interea da Universidade de Santiago de Compostela.

Cartel do foro
Cartel do foro
Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.09.2024.