Ir o contido principal

Un foro interuniversitario cita en Profesorado uns 70 investigadores en equidade e innovación na educación

Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo
Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo
O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga, inaugura este sábado, ás 9.00 horas, unha xuntanza científica estruturada en relatorios, seminarios monográficos e actividades participativas que se prolongará ata o domingo
Lugo, Santiago de Compostela

A VIII Reunión Científica Interuniversitaria de Mocidade Investigadora en Equidade e Innovación na Educación cita esta fin de semana na Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC uns 70 investigadores vinculados ao programa de doutoramento internuniversitario en Equidade e innovación educativa promovido entre as tres institucións académicas que integran o  Sistema Universitario Galego, xunto coas universidades de Cantabria e Oviedo.

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga López, presidirá este sábado, a partir das 9.00 horas, a sesión de apertura destas xornadas. A vicepresidenta da Deputación Provincial de Lugo e concelleira delegada da área de Cultura, Tareixa Ferreiro; a decana da Facultade de Formación do Profesorado, Carmen SArceda; o director da Escola de Doutoramento Internacional da USC, Pablo Taboada Antelo, e a coordinadora deste programa interuniversitario de doutoramento, Ángeles Parrilla, tamén intervirán, xunto con representantes do alumnado, nesta breve sesión de benvida

O programa comezará cunha conferencia plenaria baixo o título ‘Facendo unha tese, un pouquiño de introspección non sobra’, a cargo do profesor da USC Felipe Trillo. De seguido, o profesor da Universidade de Granada Antonio Luzón impartirá o seminario monográfico ‘Metodoloxía da investigación comparada’ , que servirá de peche da xornada matinal. A presentación de pósteres elaborados polo alumnado participante nestas xornadas abrirá o programa de tarde, que tamén inclúe un obradoiro sobre busca de literatura científica en bases de datos que será impartido polo profesor da USC e investigador do grupo SEPA-Interea Antonio García Viñuesa.

A VIII Reunión Científica Interuniversitaria de Mocidade Investigadora en Equidade e Innovación na Educación prolongarase durante a mañá do domingo 4 de xuño, coa celebración dunha nova sesión do seminario monográfico ‘Metodoloxía da investigación comparada’, tralo que se dará continuidade á presentación de pósteres e outros traballos científicos.

A organización de diversas actividades culturais, tal e como son a visita ao Museo Provincial de Lugo e un percorrido polo recinto histórico da cidade amurallada, completan o programa dunha cita científica de carácter itinerante que se antolla como un foro de intercambio dos traballos realizados polo alumnado enrolado neste pograma de doutoramento interuniversitario.

Os cometidos desta reunión científica son amplos e céntranse na investigación e a innovación sobre programas, recursos, accións e políticas socioeducativas necesarias para acadar educación en equidade. Daquela, a formación de profesionais especializados en investigación comprometida coa igualdade de oportunidades constitúe un dos principais retos do programa de doutoramento que dá pé a celebración deste foro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.06.2023.