Ir o contido principal

Fondo pesar na USC polo pasamento do seu doutor honoris causa J. P. Griffin

En 1988 foi profesor visitante na institución docente compostelá convidado pola Área de Filosofía Moral, visita que se repetiría en 1995 para discutir as súas obras e traballos.
Santiago de Compostela

A USC quere manifestar o seu fondo pesar polo recente falecemento do catedrático emérito da Universidade de Oxford, J. P. Griffin, investido doutor honoris causa pola Universidade no ano 2003. Griffin mantiña estreitos vínculos coa Área de Filosofía Moral.

En 1987, foi nomeado membro do consello editorial da revista Ágora e uns anos máis tarde da revista Télos da USC. En 1988 foi profesor visitante na institución docente compostelá convidado pola Área de Filosofía Moral, visita que se repetiría en 1995 para discutir as súas obras e traballos.

No discurso de gabanza co gallo da súa investidura como doutor honoris causa, a xa finada catedrática emérita de Ética da USC, Esperanza Guisán, dirixiuse ó profesor Griffin para subliñar que "non es un autor para ser simplemente estudiado, glosado, eloxiado, ou polo menos non es só iso" e continuou afirmando que "es un reto, es a voz dalgunhas realidades moi duras debidas ás nosas limitacións que non queremos oír".

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.12.2019.