Ir o contido principal

Dos faraóns a Einstein, a consanguinidade perdura a través de épocas, culturas, clases sociais e continentes

Juan Luis Blanco, esquerda, Jorge Mira, Román Vilas, Francisco Ceballos, Gonzalo Álvarez e Jesús López Romalde. FOTO: Santi Alvite
Juan Luis Blanco, esquerda, Jorge Mira, Román Vilas, Francisco Ceballos, Gonzalo Álvarez e Jesús López Romalde. FOTO: Santi Alvite
O libro 'El rostro de la consanguinidad', de Román Vilas, Gonzalo Álvarez e Francisco Ceballos, aborda desde a xenética ou a historia un fenómeno que chega a taxas de ata un 40% en poboacións subsaharianas

As cortes do faraóns exipcios, a familia real Austria-Habsburgo, a do naturalista Charles Darwin, a do pintor Toulouse-Lautrec ou a do físico Albert Einstein teñen en común que sufriron en maior ou menor medida os efectos da consanguinidade, é dicir a relación natural de parentesco entre persoas que pertencen á mesma estirpe e teñen antepasados recentes comúns. O fenómeno é explicado no libro El rostro de la consanguinidad, que acaba de publicar Edicións USC e que presentaron este xoves na Facultade de Bioloxía os seus autores, os profesores e investigadores da USC Román Vilas, Gonzalo Álvarez e Francisco Ceballos, nun acto presidido polo decano do centro, Jesús López Romalde.

Segundo lembra no prólogo do ensaio Manuel Ruiz Rejón, estímase que no total da humanidade un 10% dos casamentos son consanguíneos, unha cifra que mesmo é superior en determinadas zonas de África e Asia, polo que resulta interesante realizar análises para poder detectar combinacións xenómicas relacionadas con enfermidades e tratar de evitalas ou palialas. De feito, Gonzalo Álvarez explicou na presentación que en Occidente ou en Norteamérica a prevalencia é máis reducida, pero que hai por exemplo algunhas sociedades subsaharianas nas que a taxa chega ata un 40%.

A consanguinidade é estudada no volume tendo en conta as súas dimensións histórica, antropolóxica, filosófica, estética, relixiosa e cultural, e sobre todo abordándoa desde a perspectiva xenética, incorporando os resultados de investigacións realizadas polos propios autores sobre a cuestión, por exemplo sobre familias famosas coma a dos Austrias-Habsburgo -con figuras coma a o último rei da dinastía en España, Carlos II, que sufriu depresión consanguínea-.

O profesor Álvarez lembrou que a consanguinidade “entraña problemas para a saúde humana” e que frecuentemente “a idea do gran público está baseada en tópicos e estereotipos” e é percibida como “algo marxinal asociado á deformidade física e moral”. Indicou ademais que o tema é “moi complexo” e que foi Charles Darwin -casado cunha prima súa- o primeiro investigador que constatou a existencia da "depresión consanguínea” con experimentos de reprodución de plantas, nos que aquelas que se autofecundaban producían menos sementes e morrían antes; de feito, un 30% dos seus propios fillos morreron na infancia.

Lonxe de ser un fenómeno máis propio de épocas pasadas, Álvarez indicou que unha investigación recente sobre os datos xenéticos dunhas 500.000 persoas almacenados no UK Biobank revelou que unha de cada 8.000 persoas eran descendentes dunha unión de parentes de primeiro grao, é dicir, incestuousa (pai-filla, nai-fillo ou relacións entre irmáns). Así, a consanguinidade “atravesa épocas, culturas, clases sociais e continentes”.

Román Vilas, así mesmo coautor da obra, sinalou que o núcleo do libro son traballos realizados na USC e que o volume é como “un mosaico no que se reflicte o rostro da consanguinidade”. Pola súa banda, o tamén coautor Francisco Ceballos salientou as dificultades de facer estudos sobre poboacións actuais porque poden non ser aprobados polos comités de bioética que deben analizalos.

O director de Edicións USC, Juan Luis Blanco Valdés, asegurou que o libro foi escrito por “esgrevios xenetistas que publican os seus estudos en revistas especializadas de alto impacto” que conseguiron nesta obra transmitir información “dun xeito ameno e literario” para transferir ese coñecemento ao gran público. Mentres, o director da ‘Biblioteca de Divulgación. Serie Científica’ na que se inclúe o libro, Jorge Mira, expresou o seu convencemento de que “o eco mediático desta obra vai ser amplo”.

Biblioteca de Divulgación
Creada no ano 2011, a ‘Biblioteca de Divulgación. Serie Científica’ de Edicións USC acolle textos que, malia seren resultado da máis rigorosa investigación en cada eido, están presentados de forma divulgativa, con exposición amena e áxil, desprovistos de aparato crítico e pensados para o público xeral e non estritamente especialista. Os temas que tratan os volumes abordan aspectos das ciencias naturais ou experimentais que, dentro da súa natural complexidade ou especificidade, poidan ter tamén un interese divulgativo. Os volumes que antecederon o presentado este xoves son Los lugares secretos de los insectos, de José Carlos Otero González e A longa marcha da xeometría, de Xosé M. Masa Vázquez.

 

Un momento da presentación do volume na Facultade de Bioloxía. FOTO: Santi Alvite
Un momento da presentación do volume na Facultade de Bioloxía. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.06.2024.