As facultades de Ciencias da Comunicación e Filosofía elixiron equipos decanais
O profesor Xosé Ramón Pousa Estévez acaba de ser reelixido decano da Facultade de Ciencias da Comunicación nunha Xunta de centro na que obtivo a totalidade dos votos emitidos, mentres que o catedrático Marcelino Agís Villaverde accede por vez primeira ao decanato da de Filosofía.
Ciencias da Comunicación
Esforzo, participación, transparencia e diálogo son as constantes nas que Xosé Ramón Pousa Estévez sustentará o seu labor neste período de goberno. Como explicou, a súa intención é “seguir levando a cabo unha xestión transparente e participativa, coa colaboración de todos os sectores que integran o centro”. Entre outros retos do seu proxecto de futuro apuntou a reforma dos planos de estudo, “de cara a actualizar os contidos e responder de forma máis eficaz ás demandas da sociedade” . Tamén reivindicou a necesidade dunha política que permita “a renovación docente e investigadora, loitando para posibilitar a carreira docente do profesorado xa vinculado a este proxecto así como a incorporación de novos valores que garantan unha educación de calidade”.
Pousa Estévez
O profesor titular de Comunicación Audiovisual e Publicidade da USC Xosé Ramón Pousa Estévez (Compostela, 1953) é doutor en Ciencias da Información pola Universidade Autónoma de Barcelona. Como investigador pertence ao Grupo Novos Medios e coordinou varios proxectos financiados polo Ministerio de Educación e a Xunta de Galicia relacionados co estudio da audiencia radiofónica, a aplicación de novas tecnoloxías dixitais ou a utilización de ferramentas de comunicación no mundo da empresa, entre outros. Como xestor académico, foi vicedecano da Facultade de Ciencias da Comunicación (1993-2000) e director do Departamento de Ciencias da Comunicación (2000-2004). Foi ademais secretario da Asociación Galega de Investigadores en Comunicación AGACOM (2006-2012) e xa ocupaba o decanato dende o ano 2014. No plano profesional foi redactor de A Nosa Terra (1977-1979) e La Voz de Galicia (1980-1993) e director de Antena 3 Radio en Santiago de Compostela (1990-1993). En 1991 incorporouse á USC como profesor asociado.
Filosofía
Marcelino Agís estará acompañado nos labores de goberno pola profesora Mª Luz Pintos Peñaranda como secretaria e por Javier Barcia González como vicedecano. O lema da súa campaña electoral foi ‘En compromiso coa filosofía’ e nel propuxo “traballar para que a nosa Facultade ocupe un espazo relevante entre os demais centros da USC e no conxunto das Facultades do mapa universitario español e europeo”. Neste contexto Agís Villaverde traballará para “lograr que a Filosofía siga recuperando o protagonismo que lle corresponde na vida social, cultural e científica” .
Outros aspectos incluídos no seu programa de traballo para os vindeiros catro anos, apuntan a incrementar a presenza das materias de contido filosófico no ensino non universitario, contribuír á convivencia, calidade de vida e respecto á diferenza e a poñer en valor o compromiso coa lingua, a cultura e o pensamento galegos.
Marcelino Agís
Marcelino Agís (Raxó –Pontevedra- 1963) é catedrático de Filosofía da USC así como conferenciante convidado en universidades e institucións investigadoras de Alemaña, Portugal, Xapón, Italia, Estados Unidos, México, Brasil ou Chile. Con anterioridade ocupou os cargos de vicerreitor de Terceiro Ciclo e Extensión Docente, conselleiro delegado de Cursos Internacionais da USC, director do Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social. Ademais foi asesor de planificación docente, coordinador do Máster de Filosofía e, na actualidade, coordinaba o programa de doutoramento en Filosofía.
É autor ou coautor de preto de trinta libros e de 40 artigos ou capítulos de libros. Ademais de ter dirixido arredor dunha ducia de teses de doutoramento é membro fundador e presidente da Sociedade Interuniversitaria de Filosofía e dos Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago e dirixiu a Revista Agora. Papeles de Filosofía e da revista Compostela. Ademais, o pasado ano incorporouse como académico correspondente da Academia de Ciencias de Lisboa.