Ir o contido principal

Expertos europeos e norteamericanos achegarán puntos de vista na USC sobre as lipodistrofias familiares

Será os días 3 e 4 de abril no transcurso dunha xuntanza internacional na Facultade de Medicina

A Facultade de Medicina reunirá os vindeiros días 3 e 4 de abril a un grupo de prestixiosos científicos europeos e norteamericanos no campo das lipodistrofias familiares, enfermidades de núcleo e do avellentamento prematuro. Este encontro internacional organízao o profesor David Araújo-Vilar da Unidade de Enfermidades Tiroideas e Metabólicas (EUTeM) do Departamento de Medicina da USC.
As lipodistrofias familiares constitúen un grupo de enfermidades hereditarias raras caracterizadas por una perda do tecido adiposo que pode desembocar en complicacións como a diabete mellitus, a dislipemia, doenza cardiovascular ou cirrose.
En Santiago daranse cita algúns dos máis recoñecidos expertos neste eido como o catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular, Carlos López-Otín, recén galardoado co Premio Nacional de Investigación en Bioloxía; o director do Laboratorio Max F. Perutz da Universidade Médica de Viena, Roland Foisner; o asesor da Cámara dos Comúns sobre investigación en células nai, Chris Hutchison; ou o decano da Facultade de Medicina da Universidade de Tor Vergara, Giuseppe Novelli.
A Unidade de Enfermidades Tiroideas e Metabólicas, responsable da xuntanza, creárona en 2003 os profesores do Departamento de Medicina, Joaquín Lado-Abeal e David Araújo-Vilar, co obxecto de realizar investigacións relacionadas con novos síndromes tiroideos emerxentes e con trastornos xenéticos do tecido adiposo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.03.2009.