Unha experta do CSIC lembra a visión dos árabes do sur da Península sobre o Camiño como vía de contacto con outros pobos
A última xornada do Congreso Internacional do Programa de Doutoramento Europeo en Filoloxía Románica, incluído en ‘In marsupiis peregrinorum. Circulación de textos e imaxes arredor do Camiño de Santiago na Idade Media’, abriu este mércores na Facultade de Filoloxía cunha conferencia da historiadora do CSIC, Ana María Carballeira, sobre o xacobeo dende unha perspectiva “moitas veces esquecida”, a dos árabes do sur da Península Ibérica. A experta lembrou que estes “vían o Camiño como unha vía de contacto” cos reinos cristiáns ibéricos e cos territorios do norte europeo.
A continuación, o profesor da Universidade de Roma La Sapienza, Giuseppe Tavani, partiu dunha frase moi coñecida do falecido filólogo francés, Joseph Bédier, para desenvolver a idea da importancia do Camiño de Santiago na literatura románica medieval. Para este especialista italiano nese cruce de camiños había tamén un cruce de persoas, co seu “necesario intercambio de ideas, culturas e textos”, que despois serían difundidos polo resto de Europa.
Pola súa banda, o filólogo da Universidade de Siena, Simone Marcenaro, expuxo na súa comunicación os puntos de contacto que teñen as cantigas de escarnio e maldizer galego-portugueses cos sirventeses occitanos, xénero tamén satírico. As semellanzas entre os textos, segundo este experto, non residen só na temática xocosa. Para el, destaca a melodía das cantigas que segue un esquema parecido.
A sesión académica rematou co conferencia do profesor da Universidade de Pavia, Cesare Segre, sobre a utilización “elástica” do tempo do relato nas obras épicas da literatura románica medieval.
‘I Congreso de Novos Investigadores na Idade Media’Titulada ‘I Congreso de Novos Investigadores na Idade Media’, a segunda parte do encontro, que se celebrará o xoves 27 e venres 28, comezará ás 10:00 horas analizando a historia e mitoloxía do Pico Sacro da man do investigador do CSIC, César Olivera.
Xa ás 12:15 horas, a profesora da USC María Rocío Sánchez Ameijeiras abordará a simbolización do espazo no Camiño de Santiago, centrándose na ritualización do camiño de volta e a imaxinería do sepulcro de Santo Domingo da Calzada. Pola tarde, o experto da Xunta de Galicia, Francisco Singul, pronunciará ás 16:30 horas a conferencia ‘Simboloxía e mentalidade. Dous referentes no Camiño de Santiago durante a Idade Media’.
Na xornada tamén se presentarán comunicacións sobre circulación peninsular da materia artúrica, libros e guías para o Camiño ou contrapropaganda nas Cantigas de Santa María, entre outras moitas cuestións.
Ao día seguinte, os novos investigadores analizarán a circulación da música arredor do Camiño de Santiago, a creación dun espazo da conciencia, a influencia do Pseudo-Turpín no cantar de xesta L’entrée d’Espagne, a lenda da peregrinación xacobea de Saint Julien l’hospitalier e o discurso historiográfico sobre a formación do Reino de Portugal.