Ir o contido principal

EUniWell abre novas oportunidades para o Campus de Lugo

Miranda, López Couso, Antonio López e Pilar Bermejo, na presentación de EUniWell en ADE
Miranda, López Couso, Antonio López e Pilar Bermejo, na presentación de EUniWell en ADE
Docentes, persoal investigador e de administración e servizos da sede universitaria luguesa coñecen as posibilidades de mobilidade, formación, I+D+i e difusión da cultura e do emprendemento que ofrece a Universidade Europea para o Benestar
Lugo

A Universidade Europea para o Benestar -European University for Well-Being (EUniWell)–, un consorcio europeo de universidades ao que se incorporou oficialmente a USC en 2023– amplía o abano de oportunidades e as posibilidades de colaboración e cooperación internacional das que poden beneficiarse docentes, persoal investigador e de administración e servizos, así como estudantes da sede universitaria luguesa, tal e como puxo de manifesto este martes o reitor da USC, Antonio López, no acto informativo e de presentación da alianza EUniWell celebrado na Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE).

A incorporación da USC á alianza EUniWell enmárcase na estratexia de internacionalización da institución, coa mirada posta no apoio á innovación e á transferencia e no fomento de novas oportunidades de cooperación e mobilidade dirixidas tanto ao alumnado como ao persoal docente e investigador e ao persoal de administración e servizos, subliñou o reitor, para logo salientar que a temática transversal do concepto de benestar dá cabida a todas as áreas de coñecemento e, polo tanto, a toda a comunidade universitaria. “ EUniWell é un proxecto que presenta vantaxes indubidables para a USC, xa que proxecta arredor do concepto de benestar un ámbito de actuación absolutamente transversal e focalizado en cinco áreas que permiten que, unha universidade como a nosa, que é completa, poida implicarse por completo”, dixo.

Antonio López López detallou no acto institucional de presentación de EUniWell á comunidade universitaria luguesa para explicar o proceso de incorporación da USC a un consorcio europeo que botou a andar en 2019 en resposta a una demanda da Comisión Europea e ao que cada ano se están a sumar máis institucións académicas, segundo indicou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC. María José López Couso indicou que a USC é a única universidade galega integrada “nun consorcio europeo que ten un efecto multiplicador que vai máis aló da suma das capacidades ou potencialidades de cada unha das institucións consorciadas”.

A integración da USC á alianza da Universidade Europea para o Benestar responde á súa vontade de contribuír a ao desenvolvemento dunha axenda común de investigación e docencia sobre o benestar, tanto das persoas como da sociedade no seu conxunto. De feito, explicou, EUniWell establece cinco grandes áreas temáticas: Saúde e benestar, Igualdade social e benestar, Cambio medioambiental e benestar, Cultura, multilingüismo e benestar, e Formación do profesorado e benestar.

O obxectivo de EUniWell é mellorar a competitividade internacional das institucións europeas de educación superior a partir do deseño de estratexias conxuntas e da creación de campus interuniversitarios e de equipos de coñecemento capaces de achegar solucións adaptadas ás distintas rexións. A Universidade Europea para o Benestar nace comprometida coa ciencia e a educación aberta, así como coa ambición de formar as novas xeracións de profesorado e persoal investigador e transformar experiencias de aprendizaxe, dixo López Couso.

A USC é a universidade responsable do Paquete de Traballo 8 de EUniWell, dedicado á investigación, innovación e emprendemento responsable, detallou ante a comunidade universitaria presente na Facultade de ADE, á que tamén informou dalgunhas das iniciativas que se pretenden desenvolver, tal e como son a creación dunha escola de posgrao e dun centro de estudos avanzados sobre o benestar, así como un val de innovación e punto de encontro cos axentes locais para a súa posterior aplicación. Neste senso, a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo, subliñou como un dos cometidos da USC “dotar a alianza dunha estrutura de investigación competitiva”. No acto de presentación institucional de EUniWell en Lugo tamén participaron a directora de Desenvolvemento de EUniWell, Beatrix Busse, e do coordinador internacional do proxecto EUniWell na USC, José María Miranda. "Queremos ser a voz do benestar”, aseverou Busse que destacou que a rede pretende “analizar, mellorar e avaliar o benestar na sociedade dende unha perspectiva integradora”, unha “unha misión, un camiño compartido por once universidades europeas, entre elas a USC”.

Convocatoria para proxectos

Entre as iniciativas nas que participa a USC no marco da alianza EUniWell está a sexta convocatoria Seed Funding. Calquera membro da comunidade USC pode presentar proxectos innovadores a este programa de financiación que busca que estudantado, profesorado, investigadores e persoal de administración e servizos poidan poñer en marcha, de xeito colaborativo, iniciativas que melloren de xeito diverso e significativo o benestar no mundo académico e na sociedade. A subvención máxima que poderá recibir cada proxecto é de 25.000 euros e o prazo de presentación de propostas pecha o vindeiro 10 de marzo.

A USC fará este xoves a presentación institucional de EUniWell en Compostela, no marco dunha sesión aberta a toda a comunidade universitaria que se desenvolverá a partir das 12.00 horas na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais. Este acto tamén se poderá seguir en liña a través da canle de YouTube da USC.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.02.2024.