Ir o contido principal

Os estudos de Pedagoxía en Galicia chegan ao medio século de vida

A comisión xa está a traballar no deseño de actividades. FOTO: Santi Alvite
A comisión xa está a traballar no deseño de actividades. FOTO: Santi Alvite
Unha comisión integrada por representantes do estudantado das primeiras promocións e mais da actual, profesorado de Ciencias da Educación e membros de asociacións do sector definen o programa de actividades que conmemorará este aniversario
Santiago de Compostela

En xaneiro do ano 1974 botaron a andar os estudos de Pedagoxía en Galicia. Medio século despois, a USC segue a ser o epicentro para a docencia neste eido, motivo polo cal acaba de constituírse unha comisión que se encargará de conmemorar este aniversario a través dun programa de actividades diverso que abranguerá dende a publicación de libros, exposicións, encontros de alumnado a nivel estatal ou seminarios, entre outras actividades. A colocación dunha lona conmemorativa na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur serviu este martes 23 de punto de partida para a celebración da efeméride.

A decana de Ciencias da Educación Mar Lorenzo Moledo salientou a relevancia destes 50 anos xa que a USC é a única institución que alberga estes estudos en Galicia. Así, a comisión que agora bota a andar está integrada por profesorado de Ciencias da Educación que tamén saíu das primeiras promocións como é o caso dos catedráticos da área de Teoría e Historia da Educación, Miguel Ángel Santos Rego ou José Antonio Caride Gómez; os profesores Felipe Trillo Alonso e Carmen Fernández Morante, a directora do Instituto de Ciencias da Educación, Ana Porto; Luis Carrera González, en representación do actual alumnado; ou a coordinadora do grao en Pedagoxía, Isabel Dans. Tamén está representada a asociación Apcopegal.

Honoris causa

A Investidura do pensador, psicopedagogo e debuxante italiano, Francesco Tonucci como doutor honoris causa pola USC será un dos actos centrais deste 50 aniversario. Tonucci é autor de numerosas publicacións sobre o papel da infancia no ecosistema urbano.

Entre o 15 e o 16 de maio, desenvolverase o ‘Simposio Internacional sobre o Doutoramento en Educación. Coñecemento e  Acción Transformadora’. O Simposio supón “unha magnífica oportunidade de reflexión e punto de encontro entre persoal investigador do ámbito da Educación”, apuntan dende a organización do foro. “Entre outros obxectivos, pretendemos analizar a situación e perspectivas do Doutoramento en Educación no marco dunha Sociedade do Coñecemento”, sinalan. Ademais, trátase de dialogar sobre a relevancia e calidade dos Programas de Doutoramento, estudar as súas distintas modalidades, e xerar e/ou afianzar espazos de debate e participación do estudantado de doutoramento en Educación.

A xuntanza da primeira promoción de Pedagoxía, unha exposición conmemorativa dos 50 anos destes estudos en Galicia, o  Encontro Nacional de alumnado de Pedagoxía ou a inauguración da galería de profesorado pertencente a este ámbito completan a axenda para os vindeiros meses.

O Grao en Pedagoxía ten por obxecto formar profesionais preparados para analizar, deseñar, poñer en funcionamento e avaliar plans educativos, formativos, laborais e de asesoramento e orientación adaptados aos diversos contextos, institucións e persoas que os demanden.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.01.2024.