Ir o contido principal

Estudantes da USC poderán realizar prácticas académicas externas na Fiscalía de Galicia

A convocatoria diríxese a alumnado da USC en ensinanzas vinculadas coa rama de coñecemento socio xurídica, tanto de grao como de mestrado. Foto: santi Alvite
A convocatoria diríxese a alumnado da USC en ensinanzas vinculadas coa rama de coñecemento socio xurídica, tanto de grao como de mestrado. Foto: santi Alvite
O reitor e o Fiscal Superior de Galicia asinaron un acordo dirixido a estudantado de titulacións de grao e mestrado da rama das ciencias xurídicas

USC e Fiscalía da Comunidade Autónoma de Galicia desenvolverán un programa de prácticas académicas externas, curriculares e extracurriculares, que pretende facilitar a preparación para o exercicio profesional do estudantado en áreas propias das ciencias xurídicas e as posibles saídas profesionais dende os estudos cursados na USC. Esta colaboración quedou formalizada nun convenio asinado este luns polo reitor Antonio López e o fiscal superior da Comunidade Autónoma de Galicia, Fernando Suanzes Pérez.

Dirixido ao alumnado matriculado na USC en ensinanzas vinculadas coa rama de coñecemento socio xurídica, tanto de grao como de mestrado, a través deste programa a Fiscalía proporcionará a formación práctica ao alumnado que sexa seleccionado pola Universidade. Para o seu desenvolvemento, a USC realizará unha convocatoria pública nos centros universitarios afectados, indicando o número de prazas dispoñibles así como as condicións das prácticas académicas externas, garantindo os principios de transparencia, publicidade e igualdade de oportunidades. Cada estudante contará cunha persoa titora da Fiscalía de Área de Santiago e con outra da propia USC.

Este novo convenio amplía a traxectoria de colaboración que a USC e a Fiscalía de Galicia manteñen, e suma unha importante achega na oferta docente polo valor engadido que para o estudantado ten poder coñecer a realidade profesional dos seus respectivos sectores de actividade así como as particularidades e natureza das situacións laborais cotiás. A participación de institucións e entidades no proceso formativo, neste caso a través de programas de prácticas, é un elemento que profunda nos procesos de mellora da calidade docente.

O reitor Antonio López e o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes Pérez, no acto de sinatura. Foto: Santi Alvite
O reitor Antonio López e o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes Pérez, no acto de sinatura. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.10.2024.