Estudantes dos últimos cursos de Enfermaría traballan a saúde e as condutas de risco en varios centros composteláns de secundaria
Corenta estudantes de último curso do grao en Enfermaría e de terceiro da materia Enfermaría da Saúde Mental participan no proxecto de Aprendizaxe-Servizo ‘Intervencións de Enfermaría en materia de saúde e conductas de risco no eido escolar’ que dirixen as docentes Nuria García Couceiro, Cristina Jorge Soto, Lucía Ordóñez Mayán e Rubén Pego Pérez.
O proxecto, que leva en marcha dende o curso 2020-21, tratou nesta edición temáticas relacionadas coa menstruación, a saúde mental, a violencia e as violencias sexuais mediadas polo consumo de alcol e outras drogas. Ademais, nesta ocasión sumou o IES Xelmírez I aos centros cos que colabora dende o inicio, o IES Rosalía de Castro e o Colexio Plurilingë La Salle de Santiago, en cuxas instalacións o alumnado realizou distintas intervencións ao longo destes meses e que remataron esta semana de maneira moi satisfactoria tanto por parte do alumnado como do corpo docente.
Valoracións moi positivas
Así, trala experiencia, a alumna de cuarto curso Alicia Quiñones afirma sentirse “moi agradecida e afortunada” por ter participado no proxecto sobre prevención de violencias “xa que, por unha parte, é moi gratificante ver como podes influír positivamente na vida dos mozos e mozas ao proporcionarlles coñecementos e habilidades para afrontar e previr este tipo de situacións e, pola outra, foi unha fonte de aprendizaxe propio que me axudou a desenvolver e mellorar habilidades comunicativas e o sentido de responsabilidade."
Tamén Rocío Mosquera, do mesmo curso, o valora moi positivamente por “ter tido a oportunidade de facer educación para saúde cos rapaces, como futuras profesionais sanitarias que somos”. “Ademais -engade- axudoume a vivir unha experiencia como docente (se se me permite chamarlle así) que é algo que me encanta."
As valoracións chegan tamén dende os centros escolares, como a da coordinadora do cuarto curso da ESO de La Salle, Magdalena Pérez, que agradece que nas intervencións do estudantado universitario “a noso alumnado se achegara á realidade do ciclo menstrual, as súas consecuencias e oportunidades ou se fixeran conscientes do que significa sufrir ansiedade ou depresión e como mellorar a súa xestión das emocións”. Tamén, subliña, “refrescaron os perigos do alcol e o seu protagonismo nas agresións sexuais e puideron solventar as súas dúbidas sobre estes temas dende un enfoque moi próximo que facilitou a comunicación”.
Na opinión dos docentes da facultade de enfermería, os e as estudantes que participan no proxecto de Aprendizaxe-Servizos traballan “de maneira autónoma e moito máis motivados que en calquera outra actividade formulada”. “Aquí -explican- teñen a oportunidade de "voar libres", sen paternalismos, sentindo que teñen que dar o mellor deles ante o alumnado de educación secundaria e o seu profesorado”. “O reto non é a cualificación; o reto é cumprir co compromiso adquirido co centro escolar e non fallar aos alumnos e alumnas”, engaden.