Ir o contido principal

Estudantado de Ciencias da Educación crea recursos interactivos para fomentar a inserción laboral das persoas migrantes

Foto de familia con todas as persoas participantes na presentación do proxecto. FOTO: David Álvarez Caneda
Foto de familia con todas as persoas participantes na presentación do proxecto. FOTO: David Álvarez Caneda
O proxecto de Aprendizaxe-Servizo ‘TransForma a túa formación’ pretende fortalecer a capacitación e mellorar a integración deste colectivo na sociedade
Santiago de Compostela

O estudantado da modalidade presencial da materia ‘A Formación Profesional’ do mestrado universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Linguas da USC acaba de desenvolver unha plataforma web, con materiais audiovisuais e interactivos, dirixidos a asociacións que presten servizos a persoas migrantes e refuxiadas. Esta actividade levouse a cabo no marco do proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) ‘TransForma a túa Formación’ co que se pretende fortalecer a capacitación e mellorar a integración deste colectivo na sociedade. A finalidade última deste proxecto é que os recursos deseñados faciliten o procedemento de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais, entre outros contidos relacionados coa FP.

Segundo a profesora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC, Silvia López Gómez, este proxecto “é un exemplo vivo de como a educación pode ser un motor de cambio e de como o profesorado e estudantado universitario poden marcar a diferenza na sociedade”. Este logro reflicte “o espírito de innovación e servizo que caracteriza á Facultade de Ciencias da Educación e deixa unha pegada positiva na comunidade educativa e social”, afirma.

Así, na web creada polo estudantado poden atoparse videotitoriais sobre como obter o recoñecemento oficial das competencias profesionais cunha experiencia laboral de polo menos tres anos ou un mínimo de formación de 300 horas para, deste xeito, “aumentar as posibilidades de atopar emprego, mellorar as condicións laborais e seguir formándose”. A web informa a través dun mapa de como en Galicia é posible acreditar as competencias en 29 centros educativos entre os que se inclúen institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional. Tamén ofrece ampla información sobre a FP, xogos interactivos para afondar neste eido e un mail para trasladas consultas: transformatuformaci%C3%B3n [at] gmail.com (transformatuformación[at]gmail[dot]com)

Presentación

Esta ApS enmárcase no seo do proxecto Erasmus+ ‘Mobilising university-community resources through SL(M) for the inclusion of migrants/refugees’ [2022-1-ES01-KA220-HED-000087650] e “representa un fito significativo na contribución desta materia á sociedade”, afirma a profesora López Gómez. As asociacións Movimiento por la Paz Galicia, Provivienda e Arraianas, así como o equipo directivo e de orientación do Centro Integrado de Formación Profesional Politénico de Santiago participaron na sesión de presentación do proxecto que se desenvolveu en Ciencias da Educación e na que o estudantado deu conta dos detalles da iniciativa xunto ás profesoras María del Mar Sanjuán Roca, Milena Villar Varela e Silvia López Gómez. “O proxecto busca impactar de maneira positiva na formación e apoio a persoas en situacións vulnerables”, explicou o profesorado da materia.

O acto serviu para poñer o foco na importancia da colaboración entre a academia e o sector social. Neste senso, o estudantado compartiu o proceso de creación, os desafíos superados e os logros acadados ao longo do desenvolvemento dos recursos. Pola súa parte, as persoas representantes das asociacións beneficiarias expresaron a súa gratitude e entusiasmo pola utilidade e pertinencia dos materiais presentados, destacando a necesidade de seguir colaborando en vindeiros cursos académicos.

A ApS pode ser descrita como unha metodoloxía educativa que integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade. Nun marco de reciprocidade, o alumnado traballa sobre as necesidades reais da contorna o que lle permite mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.01.2024.