Ir o contido principal

Especialistas internacionais comparten coñecemento na USC sobre os avances científicos en conservación do patrimonio

O 5º Congreso Internacional TechnoHeritage2024 inaugurouse no Paraninfo da Universidade
O 5º Congreso Internacional TechnoHeritage2024 inaugurouse no Paraninfo da Universidade
O 5º Congreso Internacional TechnoHeritage2024 inaugurouse no Paraninfo da Universidade

Logo da primeira edición en 2012, a Rede Española de Ciencia e Tecnoloxía para a Conservación do Patrimonio Cultural (TechnoHeritage) volve á capital galega para desenvolver o seu 5º Congreso Internacional TechnoHeritage2024, que nesta ocasión leva aparellado o 1º Encontro Bienal do Grupo Especializado de Química para o Estudo e Conservación do Patrimonio Cultural (GEQP) da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).

A cita científica ten lugar no Paraninfo da Universidade, un escenario perfecto para o intercambio de coñecementos e ideas en ciencia, con especial relevancia da química e tecnoloxía, para a Conservación do Patrimonio, servindo de inspiración e marco incomparable para discusións sobre Ciencia e Arte.

O congreso está organizado polas tres universidades galegas, concretamente polos investigadores e docentes da USC Patricia Sanmartín, membro do CRETUS, e Massimo Lazzari, investigador do CiQUS e coordinador estatal da Rede; por Santiago Pozo, da UVigo, presidente do Congreso; e por Jorge Sanjurjo, da UDC. Conta ademais coa colaboración da presidenta do GEQP-RSEQ e profesora da Universidade do País Vasco, Maite Maguregui.

Entre as persoas convidadas a impartir relatorios sobre temas de relevancia no campo da conservación do patrimonio atópanse José Delgado, que realizou gran parte da súa investigación no Laboratorio Nacional de Enxeñaría Civil en Lisboa e compartirá a súa visión sobre o desenvolvemento da ciencia de conservación do patrimonio cultural durante as últimas cinco décadas, ou Francesca Cappitelli, da Universidade de Milán, que tratará o papel dos microorganismos no estado de conservación do patrimonio. Pola súa banda, Silvia Prati, da Universidade de Bologna, centrarase no desenvolvemento de materiais de limpeza ecolóxicos, e Matija Strlič, da Universidade de Ljubljana e da Universidade College London, reflexionará sobre a importancia da experiencia olfativa nos lugares de exposición como os museos.

Nesta importante cita científica participan preto de 200 investigadoras e investigadores procedentes de Europa, América, Asia e África, principalmente de España, Italia e Portugal pero tamén de Reino Unido, República Checa, Estados Unidos, México, Ecuador, Brasil, Perú, Arabia Saudí ou Singapur.

Ademais das universidades, o encontro conta co patrocinio da Xunta de Galicia, da Real Sociedade Española de Química, dos centros de investigación CIQUS e CRETUS da USC e CINTECX da UVigo, así como de empresas do sector como KBYO bilogical, Clyde HSI, Antares instrumentación, TESELA, agaragar e cienytech. Para os organizadores, “o apoio recibido por parte do ámbito empresarial indica a necesidade de crear este tipo de foros nos que se visibilicen os avances nas metodoloxías e tecnoloxías orientadas a conservar e restaurar o patrimonio cultural tanxible”. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.09.2024.