Ir o contido principal

Esculca imparte un curso básico en aprendizaxe-servizo sobre migrantes para profesorado universitario

A formación esténdese ata o 14 de xuño en Ciencias da Educación
Santiago de Compostela

A Facultade de Ciencias da Educación da USC acolle un curso básico en aprendizaxe-servizo sobre migrantes os días 8, 13 e 14 de xuño. A formación diríxese a profesorado universitario e enmárcase no seo do proxecto Erasmus+ ‘A mobilización de recursos Universidade-Comunidade a través da ApS para a inclusión de persoas migrantes/refuxiadas’, coordinado polo grupo de investigación Esculca.

Entre os seus obxectivos, o proxecto pretende favorecer a inclusión social, como proceso bidireccional, da cidadanía de terceiros países ao tempo que quere formar o estudantado universitario en competencias cívicas e sociais. Segundo as últimas estatísticas do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), estímase que a mediados do pasado ano 103 millóns de persoas se atopaban desprazadas forzosamente dos seus países de orixe a causa de persecucións, conflito, violencias ou situacións de violación dos dereitos humanos. Segundo as mesmas fontes, a cifra teríase incrementado notablemente con respecto a 2021, cun aumento de preto de catorce millóns de persoas. 

Fronte a estas situacións, os promotores deste proxecto Erasmus +, financiado con preto de medio millón de euros ata agosto de 2025, propoñen a utilización da metodoloxía ApS para potenciar redes de colaboración coa sociedade civil, buscando mellorar o proceso de inclusión social das persoas migrantes e/ou refuxiadas. Como aclaran os profesores e integrantes do equipo coordinador do proxecto, Mar Lorenzo Moledo e Miguel A. Santos Rego, esta metodoloxía posúe unha clara idoneidade no campo de estudo xa que se ten constatado “o seu impacto na visión do alumnado sobre a diversidade, toda vez que lles permite confrontar estereotipos persoais e sociais, coñecementos sobre a poboación á que se ofrece o servizo, crer no valor dunha sociedade intercultural, ter maior confianza para interactuar en contextos de diversidade e recoñecer a universidade”. 

Responsabilidade social

 
A Aprendizaxe-Servizo (ApS) pode ser descrita como unha metodoloxía educativa que integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade. Nun marco de reciprocidade, o alumnado traballa sobre as necesidades reais da contorna o que lle permite mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social. Baixo a coordinación da USC, coa participación do grupo de investigación Esculca, no proxecto están implicadas tamén as universidades de Galway e degli Studi de Verona, así como a ONG ACCEM e a cooperativa Glocal Factory. Coa implicación de equipos universitarios, así como representantes do terceiro sector, traballarase conxuntamente co estudantado universitario para identificar necesidades, formular accións, así como involucrarse nun proceso de reciprocidade formativa e innovación social.

Co desenvolvemento do seu plan de traballo distribuído en 36 meses, o proxecto busca contribuír ao incremento do capital social e cultural do alumnado universitario e das persoas migrantes e/ou refuxiadas a través de redes de traballo colaborativo, reciprocidade e apoio social, ao tempo que permitirá coñecer a súa realidade cotiá. Esta é unha proposta que, ademais, entronca cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), concretamente cos obxectivos número 4 (educación de calidade), 5 (igualdade de xénero), 10 (redución das desigualdades), 16 (paz, xustiza e institucións sólidas) e 17 (alianzas para lograr os obxectivos).
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.06.2023.