Un equipo da USC e da UVigo realiza a primeira avaliación a grande escala da motricidade dos nenos e nenas de primaria
Despois de deseñar unha aplicación, Alfamov, que permite avaliar o grao de adquisición das habilidades motrices básicas en nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, persoal investigador da USC e da UVigo empregará esta ferramenta para realizar a primeira avaliación a grande escala da motricidade do alumnado de primaria que se leva a cabo en España. Este é un dos principais obxectivos do proxecto de investigación ‘Establecemento de estándares de competencia motriz en educación primaria a través de Alfamov. Camiño á adquisición de estilos de vida saudables’, que coordina o docente da USC Cristian Abelairas xunto co profesor da UVigo, Ezequiel Rey. Financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, o proxecto prevé a realización de avaliacións a varios centos de escolares galegos, co propósito, explican, de coñecer o seu grao de adquisición dunha serie de habilidades, como correr, saltar, agarrar ou lanzar, que resultan determinantes para o fomento de “estilos de vida activos”. A partir dos resultados obtidos, o proxecto buscará tamén “establecer estándares de adquisición da competencia motriz”, de tal xeito que poida coñecerse que escolares se sitúan por debaixo da media no grao de desenvolvemento correspondente a cada franxa de idade.
Valéndose da app que desenvolveron nun proxecto previo, coordinado tamén por Abelairas e Rey e financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, "o que pretendemos neste segundo proxecto é realizar unha avaliación a grande escala da poboación escolar galega, que será a primeira que se realice a nivel nacional”, recoñecen. De feito, o propósito dunha investigación que se estenderá ata 2025 é tratar de superar o milleiro de avaliacións, sinala Abelairas, que incide en que outro dos piares do proxecto será o de “contribuír á formación do profesorado en activo” na avaliación da competencia motriz.
“Problema social”
Para iso, o proxecto reúne un “equipo interdisciplinario”, integrado polos investigadores da USC Antonio Rodríguez Núñez, José Eugenio Rodríguez, Javier Rico e Aida Carballo, así como polas investigadoras da UVigo Cristina Varela e Marián Fernández Villarino. A estes súmase a colaboración de expertas e expertos das universidades da Coruña, Valencia e Federal do Río Grande do Sul do Brasil, así como do Instituto Politécnico de Viana do Castelo. O proxecto conta tamén co aval das consellarías de Educación e de Sanidade e da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, así como da Asociación Española de Pediatría, o que referenda que pon o foco nun aspecto “que o ámbito educativo e o sanitario detectan como un problema social”.
Como recolle a súa memoria, as habilidades motrices “son unha serie de movementos básicos organizados que implican a combinación dos patróns de movemento de dúas ou máis partes do corpo” e que “constitúen a base das habilidades específicas, necesarias para a práctica das distintas modalidades deportivas”. Estruturadas en tres grupos, relativos ao desprazamento polo espazo, ao control de obxectos móbiles e ao equilibrio, a educación primaria “é etapa de ouro para o seu desenvolvemento”, sinalan para tamén lembrar que a súa “correcta adquisición na infancia transcende máis alá do deporte”. Como lembran dende o equipo investigador, “un dos piares dentro dos estilos de vida activos é ensinar aos nenos/as a moverse mellor”, porque isto vai contribuír a súa vez a que sexan “máis proactivos/as” á hora de realizar actividades físicas. Pola contra, aqueles e aquelas que “se perciben menos competentes que os seus iguais, poden decidir non tomar parte nese xogo”, fomentándose deste xeito unha inactividade física “que ten consecuencias que perduran na idade adulta”, sinala.
Radiografía da poboación escolar galega
Alfamov permite observar o grao de desenvolvemento de 22 habilidades motrices básicas e será a base das avaliacións que se levarán a cabo en colexios de diferentes puntos de Galicia, o que á súa vez axudará “a testala nun contexto real e implantar melloras”, sinalan. “A idea é que haxa diferentes perfís de centros, tanto rurais como urbanos”, recoñece Rey, que explica que o obxectivo é non só estudar “como evolucionan coa idade” estas habilidades, senón tamén posibles diferencias por xénero, xa que estudos previos sinalan “que algunhas habilidades son máis precozmente desenvolvidas nos nenos, por cuestións estritamente sociais, pola maior práctica de determinados xogos ou deportes”. Deste xeito, o proxecto permitirá “poder ter unha radiografía de como se desenvolven a nivel motriz os escolares en Galicia”.
A partir das avaliacións, o proxecto buscará definir os “estándares de adquisición” destas habilidades, a través da definición duns percentís que permitan situar o grao de adquisición dunha habilidade por riba ou por debaixo da media do seu grupo de idade. Nese senso, constatar que un neno ou nena se atopa por debaixo do percentil 25 no referido ao desenvolvemento do lanzamento ou da carreira, por exemplo, axudaría a unha intervención temperá, polo que “entendemos que é unha ferramenta que servirá aos docentes, pero que tamén pode ter unha transferencia cara aos axentes sociosanitarios”, sinalan.
Formar o profesorado
Nos últimos anos, diferentes artigos puxeron o foco nas dificultades que implica a avaliación das habilidades motrices en educación primaria e na “necesidade” dunha maior formación neste ámbito por parte do profesorado, así como de ferramentas que facilitasen o seu labor. De aí que a parte didáctica sexa tamén “un punto importante do proxecto”, como resalta Abelairas, integrante do grupo Clinursid da USC. “A idea sería organizar cursos e unhas xornadas de difusión de resultados e de formación, dirixidas sobre todo ao profesorado de primaria”, sinala dun proxecto que parte tamén “das demandas do profesorado en canto á súa escasa formación no desenvolvemento das habilidades motrices e avaliación da competencia motriz”.