Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

Elena Vázquez Cendón, premio María Josefa Wonenburger 2022

Elena Vázquez Cendón no Colexio de Fonseca. FOTO: Santi Alvite
Elena Vázquez Cendón no Colexio de Fonseca. FOTO: Santi Alvite
“É o corolario a un traballo feito”, afirmou a profesora da USC logo de coñecer a nova da concesión. “Sinto moita alegría e gratitude”, sinalou
Santiago de Compostela

A decana da Facultade de Matemáticas da USC, María Elena Vázquez Cendón, recibirá o premio María Josefa Wonenburger 2022. A nova deuse a coñecer no último pleno da Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia, na que se tivo en conta a carreira de investigación e divulgación da matemática. “É o corolario a un traballo feito”, afirmou a profesora da USC logo de coñecer a nova da concesión. “Sinto moita alegría e gratitude”, sinalou.

O galardón, outorgado anualmente dende o ano 2007, distingue as mulleres de Galicia con traxectorias nos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía, "dando valor á súa carreira e converténdoas en referentes". Neste senso, a decana de Matemáticas subliñou que o feito de que aparezan titulares en prensa con mulleres referentes no eido científico “é meter un gol dende a ciencia”. “Quen sabe se entre as mozas que agora estean a ler a nova do premio se atope unha próxima galardoada co premio Wonenburger”, engade. O premio será outorgado nun evento que terá lugar o vindeiro martes, día 20 de decembro, en Santiago de Compostela.

O xurado encomiou a carreira da doutora Vázquez Cendón, polas súas contribucións no estudo das leis de balance hiperbólicas e polo seu compromiso coa divulgación, coa súa presenza á fronte do Proxecto de Estímulo do Talento Matemático (Estalmat-Galicia) dende o ano 2021. María José Alonso Fernández, Alicia Estévez Toranzo, Mabel Loza García, Peregrina Quintela Estévez, Ofelia Rey Castelao,  María Inmaculada Paz Andrade e Victoria Lareu conforman a listaxe de nomes da USC que recibiron este recoñecemento en edicións anteriores.

Currículo

Profesora de Matemática Aplicada da USC, Elena Vázquez Cendón naceu en Ourense o 2 de marzo de 1966. En 1984, trasladouse a Compostela para estudar Ciencias Matemáticas, carreira na que se licenciou, graduou e doutorou. Dende 1997 é profesora titular do Departamento de Matemática Aplicada. Forma parte do grupo de investigación en Enxeñaría Matemática e da Sociedad Española de Matemática Aplicada (SEMA) dende a súa constitución, así como da Asociación Galega de Investigadores da Auga (AGAIA) e da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica DivulgAcción.

Coordinadora xeral, dende xullo de 2014 ata setembro de 2018, do programa de Estímulo do Talento Matemático (Estalmat-Galicia) para nenos e nenas de 12 a 15 anos, é tamén responsable do seguimento dos egresados e da conexión do proxecto coas STEM dende setembro de 2018 e presidenta de Estalmat-Galicia dende o 10 de abril de 2021. É membro do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, así como coordinadora xeral do Máster en Matemática Industrial, impartido pola USC, UDC, UVigo, Carlos III e Politécnica de Madrid.

Participa, asemade, impartindo charlas e talleres en centros de Ensino Medio de Galicia tanto en temas de divulgación científica como de Muller e Ciencia, colaborando nos cursos 2015-16 e 2016-17 cos Programa Diana e Ada, respectivamente, a proposta da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia. Vázquez Cendón é membro tamén do Plenario do Consello da Cultura Galega dende maio de 2018, así como da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega dende 2012 e coordinadora da mesma dende xullo de 2018. É membro da Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia e forma parte do directorio de Referentes galegas.

O premio

María Josefa Wonenburger Planells (1927-2014) foi un nome clave no ámbito da álxebra. Doutora pola Universidade de Yale, fixo carreira docente en distintas universidades dos Estados Unidos e dá nome, dende o ano 2007, ao galardón co que o goberno autonómico recoñece as traxectorias de mulleres científicas que souberon adiantarse ao seu tempo e que abriron camiños a moitas outras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.12.2022.