Ir o contido principal

A educación social, unha aliada máis para a normalización da lingua galega na sociedade

Parte das persoas asistentes á primeira das xornadas
Parte das persoas asistentes á primeira das xornadas
As xornadas ‘Apoderamento lingüístico’ examinan na Facultade de Ciencias da Educación contidos e metodoloxías que faciliten a toma de consciencia sobre as posibilidades das accións educativas

As xornadas ‘Apoderamento lingüistico. Ferramentas dende a educación social’ realizan este martes 12 de marzo e o vindeiro martes 19 de marzo unha reflexión colectiva na Facultade de Ciencias da Educación a través de contidos e metodoloxías que faciliten a toma de consciencia sobre as posibilidades e responsabilidade da Educación Social como axente activo na reparación e normalización social da lingua.

A exposición das persoas formadoras, educadoras sociais da Asociación Rexenerando S. Coop., combínanse nas xornadas co traballo persoal e grupal das persoas participantes. O primeiro módulo aborda o contexto sociolingüístico e as potencialidades da Educación Social. O segundo estuda prexuízos e estereotipos lingüísticos e o terceiro analiza propostas de intervención desde o eido da educación Social en materia de normalización lingüística.

Os obxectivos son promover a corresponsabilidade na normalización social do galego como parte do ámbito competencial da Educación Social, deseñar prototipos de intervencións desde a Educación Social para a normalización lingüística e a activación de falantes, contribuír a desenvolver a implicación sociolingüística das futuras persoas graduadas en Educación Social e promover a comprensión da situación sociolingüística actual cun enfoque sensible ás desigualdades sociais.

Cartel das xornadas
Cartel das xornadas
Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.03.2024.