Dous mestrados da USC reciben o recoñecemento de Excelencia pola súa calidade a nivel científico, técnico e formativo
Os mestrados en Enxeñería Química e Bioprocesos e en Química Orgánica, este último compartido coas Universidades Autónoma e Complutense de Madrid, foron recoñecidos coa Mención de Excelencia outorgada pola Xunta de Galicia. Estas distincións entregáronse este mércores nun acto en Santiago presidido polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e no que tamén participaron o reitor da USC, Antonio López, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez. Nesta cuarta edición da convocatoria acadou tamén a excelencia o mestrado en Ciencias, Tecnoloxías e Xestión Ambiental da Universidade da Coruña (UDC).
Con estas novas incorporacións, e tras a súa primeira edición no curso 2019-2020, son xa 12 as titulacións que contan con esta mención que reflicte a súa calidade e nivel de solvencia científica, técnica e formativa. Da USC, na primeira edición obtivo este recoñecemento o mestrado en Enxeñería Ambiental da USC, e a este título seguiulle a mesma distinción para os de Matemática Industrial, impartido entre as tres universidades galegas, e o de Computación de Altas Prestacións, coa UDC.
Completan o grupo de mestrados de excelencia os da UDC en Enxeñería Informática, en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, en Bioinformática para Ciencias da Saúde e en Produción Xornalística e Audiovisual; da UVigo o de Tradución para a Comunicación Internacional, e o de Biotecnoloxía Avanzada, conxunto entre as Universidades de Vigo e A Coruña.
Elevada solvencia
A obtención deste selo, que ten unha vixencia de cinco anos, permite ás titulacións seleccionadas participar do apoio económico contemplado nas accións de mellora da calidade do Plan Galego de Financiamento Universitario. A gran puntuación que acadaron os tres títulos desta cuarta convocatoria “demostra o gran nivel que atesouran as nosas universidades independentemente da disciplina”, afirmou Román Rodríguez, para quen este selo de excelencia “favorece a competitividade destas titulacións, acreditando o seu elevado nivel académico e a solvencia científico técnica dos estudos”.
Para a concesión do selo téñense en conta criterios de avaliación que inclúen aspectos xerais do mestrado como a taxa de ocupación, entidades públicas e privadas que colaboren directamente coa titulación, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnado estranxeiro e existencia de titorización e mentorización individuais.
Outros aspectos a valorar son os resultados (enquisas de satisfacción ou seguimento dos egresados no mercado laboral, entre outros), a estratexia (visión, misión e desenvolvemento futuro do mestrado), o plan de xestión para os cinco próximos anos académicos e as melloras previstas en caso de obter esta mención, o plan de estudos (porcentaxe de prácticas no plan de estudos, créditos dedicados a prácticas obrigatorias en empresas e emprego de metodoloxías docentes innovadoras), o profesorado ou as estratexias de emprendemento.