Ir o contido principal

Dous destacados investigadores en oncoloxía molecular imparten seminarios sobre o cancro en Medicina

Dous destacados investigadores en oncoloxía molecular, beneficiarios de dous proxectos ERC Starting Grant na área biomédica que outorga o Consello Europeo, visitarán esta semana a USC para impartir uns seminarios no programa de medicina molecular do curso de doutoramento de Bases Biolóxicas do Cancro.
O primeiro e participar será Joan Seoane, investigador do programa en Oncoloxía Médica do Instituto de Investigación do Hospital Universitario Vall d´Hebrón de Barcelona. A súa intervención será este venres, día 16, ás 12:00 horas na Aula Castelao da Facultade de Medicina.
Joan Seoane traballou de 1998 a 2003 no grupo de Joan Massagué no Memorial Sloan-Kettering Cancer Center de Nova York, onde realizou relevantes contribucións á bioloxía do TGF-beta. De regreso a España cun contrato do programa ICREA en 2004, pasou a dirixir no hospital catalán o Grupo de Expresión Xénica e Cancro centrado en estudar o papel do TGF-beta na orixe e a progresión dos gliomas.
Almudena RamiroO seguinte seminario será o luns, 19 de maio. A directora do Grupo de Hipermutación de ADN e Cancro do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas de Madrid, falará da Activation Induced Deaminase (AID) en inmunidade e linfomas, Almudena R. Ramiro.
Doutora en Bioquímica e Bioloxía Molecular pola Universidade Autónoma de Madrid, de 2001 a 2005 realizou unha estadía posdoutoral no laboratorio de Michel Nussenzweig na Rockefeller University (Nova York). Nese tempo centrouse no estudo da función da AID, unha enzima implicada na hipermutación somática e a diversificación dos anticorpos. No grupo que dirixe dende 2006 dedícase a estudar a regulación da mutaxénese por AID e o seu papel no desenvolvemento de neoplasias linfoides.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.05.2008.