Docentes e investigadores do campus de Lugo afondan nun curso no modelo de produción de carne de vacún de calidade en Galicia
Un curso práctico sobre a produción de carne de vacún de calidade en Galicia, orientado á formación de PDI que desenvolve a súa labor docente e investigadora no ámbito da produción e saúde animal, e a calidade e seguridade alimentaria no Campus Terra da USC, reúne este venres a 26 profesores e investigadores que, ao longo dunha xornada de carácter práctico, terán a ocasión de coñecer o modelo integral de produción de carne de vacún de calidade a través de diferentes profesionais que mostrarán o seu día a día no control, certificación e promoción de produtos amparados baixo as denominacións de orixe.
Esta actividade formativa, impulsada desde o Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da USC, en colaboración coa Agrupación Estratéxica de Xestión e Produción Sostible de Bio-Recursos (BioReDes) do Campus Terra da USC e o Consello Regulador das IXPs Ternera Gallega e Vaca Galega/Boi Galego, botou a andar na Facultade de Veterinaria de Lugo cunha sesión na que o director técnico do órgano de control CRIXP Carne de Vacún de Galicia, Antonio Xende, explicou os cometidos das IXP e dos sistemas de certificación de calidade.
A xornada, ideada como punto de encontro para favorecer a interdisciplinariedade e a colaboración entre diferentes áreas de coñecemento e centros do Campus Terra da USC e doutras entidades da contorna produtiva estratéxicas para Galicia, inclúe a visita a diferentes sistemas de produción dentro das IXPs de Vacún de Calidade (cebadeiro, gandería tradicional familiar con vacas nais e explotación de bois), permitiu tamén aos participantes coñecer de primeira man os procesos de certificación e trazabilidade da carne de calidade en industrias cárnicas.
As visitas ás dependencias dun supermercado para comprobar in situ o sistema de control e as características da imaxe corporativa nun punto de venda, e ás instalacións do Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (Lhica) da USC, onde os participantes tiveron a ocasión de coñecer os distintos procesos do programa de control de residuos e trazabilidade, deron continuidade ao curso en quenda de tarde. Unha vez rematadas estas visitas, o presidente e o director de promoción e relacións exteriores do CRIXP Carne de Vacún de Galicia, Jesús González e Luis Vázquez, respectivamente, trataron cuestións relativas á importancia que ten o sector cárnico para Galicia ao tempo que salientaron a relevancia que ten a promoción e o márketing para o futuro do mesmo.
Unha masterclass, guiada na cafetería da Facultade de Veterinaria por Javier Rodríguez ‘Taky’, cociñeiro do grupo grastronómico Nove, xunto co equipo técnico do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, permitiu amosar aspectos máis técnicos da carne de vacún, tales como o son os cortes singulares e os seus usos culinarios. Esta demostración ao vivo, prevista a partir das 19.00 horas, serviu para comprobar “cientificamente” os contidos teóricos do curso, segundo sinalou Maribel Quiroga Berdeal, profesora e directora do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da USC.