Ir o contido principal

Descobren un mecanismo cerebral que abre a porta a curar a enfermidade do fígado graxo

Rubén Nogueiras xunto con Mónica Imbernón e Estrella Sánchez (dereita)
Rubén Nogueiras xunto con Mónica Imbernón e Estrella Sánchez (dereita)

Un equipo encabezado polo profesor Rubén Nogueiras acaba de descubrir en ratos un mecanismo no cerebro que axudará a curar a esteatohepatite, unha doenza inducida pola acumulación de graxa no fígado e acompañada de proceso inflamatorio. O investigador explica que a esteatohepatite ou tamén comunmente coñecida como enfermidade do fígado graxo está moi asociada a enfermidades como a obesidade, a diabete II ou o alcolismo. “É unha enfermidade progresiva que pode acabar desencadeando un cancro de fígado e para a que aínda non hai tratamento”, explica o investigador do Departamento de Fisioloxía da USC e integrante do grupo de Metabolismo Molecular da USC adscrito ao CIBER de Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición (CIBERobn).

O equipo revelou como o bloqueo dalgunhas substancias opioides en zonas específicas do cerebro evita que os ratos desenvolvan esteatohepatite. Sobre esta relación, Rubén Nogueiras aclara que “o sistema opioide é amplamente coñecido por modular o sistema de recompensa do cerebro”, o que explica a súa incidencia no comportamento humano e animal, tamén no relativo á alimentación. De aí que o equipo formulara como hipótese de traballo o feito de que “o sistema opioide no hipotálamo (unha área do cerebro moi importante para a regulación do peso e a inxesta de comida) tamén podería controlar o metabolismo de enerxía nos tecidos periféricos”.

Se ben os opioides, como o caso da morfina, son substancias que clasicamente se utilizan para calmar a dor, o traballo dos investigadores da USC mostra por vez primeira que a inhibición xenética e farmacolóxica dun dos tres receptores que median no cerebro as accións dos opioides –o coñecido como receptor kappa- “produce unha mellora tanto na inflamación como na acumulación de lípidos no fígado”. En xeral, o equipo de Rubén Nogueiras descubriu unha nova vía pola que o cerebro pode regular o metabolismo no fígado a través do nervio vago, nervio que une ambos tecidos a través da inflamación e o estrés ER con independencia dos cambios na inxesta de alimentos ou o peso corporal.

Os achados do equipo compostelán cobran maior relevancia se se ten en conta que recentemente a Axencia Estadounidense de Regulación de Medicamentos e Alimentos aprobou o uso dun fármaco que mediante o bloqueo dos tres receptores do sistema opioide é capaz de reducir o peso en pacientes obesos. Como explica o doutor Nogueiras, aínda que o novo estudo desenvolveuse integramente con modelos animais, os resultados “poderían supor unha nova ventá no desenvolvemento de novos fármacos para curar a esteatohepatite”.

Destes resultados de investigación acaba de facerse eco a revista de alcance mundial Hepatology, nun artigo que ten como primeiras asinantes as investigadoras da USC Mónica Imbernón e Estrella Sánchez-Rebordelo, e no que tamén participaron Amparo Romero-Picó, Begoña Porteiro, Omar Al-Massadi, Cristina Contreras, Ana Senra, Cintia Folgueira, Carlos Diéguez e Miguel López, ademais doutros investigadores do CHUS e CIBERobn así como de centros de Hungría, Estados Unidos, Noruega e Holanda.

Obesidade
O novo achado enmárcase na liña de traballo que Ruben Nogueiras coordina no grupo de Metabolismo Molecular, cuxo reto principal está dirixido a descifrar as complexas e múltiples vías moleculares que causan a obesidade e a diabete tipo 2 e que ten acadado constantes achados e recoñecementos nos últimos anos.

En 2010 Rubén Nogueiras resultou premiado por un estudo orientado ao tratamento da obesidade coa administración da hormona GLP-1. Ao ano seguinte, o European Research Council (ERC) outorgáballe unha axuda Starting Grant para estudar a función do xene p53 na regulación do apetito, do peso corporal e os niveis de glicosa en sangue. Xa en 2012 xunto a outros investigadores demostraron por vez primeira que a perda do receptor opioide delta (presente en todos os animais e un dos responsables da sensación de dor) provoca efectos beneficiosos no metabolismo como engordar menos. En datas máis recentes, en 2014, o seu equipo de investigación descubriu o mecanismo polo que un fármaco antidiabético diminúe tamén o peso corporal ao activar a graxa parda.

O recoñecemento do labor investigador de Rubén Nogueiras en 2015 por parte da Fundación Europea para o Estudo da Diabetes ao outorgarlle o premio Rising Star engádese aos doutras sociedades científicas como a Europea de Obesidade (Premio Europeo ao Mozo Investigador en Obesidade 2009), a Sociedade Europea de Endocrinoloxía (Premio ‘Journal of Molecular Endocrinology 2011) ou a Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular, entre outras.

Ligazóns relacionados:

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.07.2016.