Ir o contido principal

As décimas Xornadas de Hispanismo analizan dende este mércores as ‘Crises da modernidade e filosofías ibéricas’

O semanario, que ten lugar ata o venres na Facultade de Filosofía, recoñecerá a traxectoria do profesor José Luís Barreiro Barreiro

A décima edición das Xornadas Internacionais de Hispanismo Filosófico arranca este mércores na Facultade de Filosofía. O profesor da Universidade de Santiago Ángel Abuín González será o encargado de pronunciar a conferencia inaugural, na que se falará sobre ‘Valle-Inclán e a dramatización do silencio’. Será tras o acto oficial de apertura, a partir das 19:00 horas, que estará presidido polo reitor da USC, Juan Casares, e no que participarán tamén o decano da facultade, Luís Modesto García Soto; o presidente da Asociación de Hispanismo Filosófico, José Luís Mora, e o director do departamento de Filosofía e Antropoloxía Social, Martín González. Investigadores procedentes de universidades de España, Lisboa, Minho e Varsovia, analizarán nas exposicións e mesas redondas as ‘Crises da modernidade e filosofías ibéricas’, título baixo o que se celebra este seminario ao longo de das xornadas de xoves e venres. As figuras de Amor Rubial e Dieste, ‘la razón ensaística de Octavio Paz’ e ‘Carlos Gurméndez o la pasión racional son algúns das comunicacións que se exporán dende as 10:00 horas na Facultade de Filosofía. Así mesmo, no transcurso do seminario terá lugar unha homenaxe ao profesor José Luís Barreiro, o venres 15, a partir das 18:00 horas. Precisamente, dende este mércores tamén, na entrada da facultade poderá verse unha exposición bibliográfica en homenaxe a Barreiro. Para máis información sobre as xornadas pode consultarse o blog http://jornadasdehispanismo.blogspot.com.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.04.2011.