Ir o contido principal

Os decanos das Facultades de Química, na Universidade de Santiago

Os Decanos de Química das universidades do Estado español, na Facultade de Quimica da USC, co reitor, Juan Viaño, e a decana anfitrioa, Pilar Bermejo.
Os Decanos de Química das universidades do Estado español, na Facultade de Quimica da USC, co reitor, Juan Viaño, e a decana anfitrioa, Pilar Bermejo.

A Conferencia Española de Decanos de Química celebra estes días na Universidade de Santiago unha reunión plenaria na que, entre outros asuntos, debaterán acerca das atribucións profesionais do químico, unha cuestión moi de actualidade xa que as competencias que tiñan os licenciados en química non as teñen xa os actuais graduados.

A xuntanza, que se inaugurou esta tarde na Facultade con intervencións do reitor Juan Viaño e a decana da USC e presidenta da Conferencia, Pilar Bermejo, contempla ademais unha sesión sobre a innovación docente e outra sobre a acreditación das titulacións, na que impartirá unha conferencia o profesor da Universidade de Murcia Antonio López Cabanes, que foi presidente da Subcomisión de Calidade da CRUE.

Sobre acreditación falou tamén o reitor no seu discurso, lembrando que a USC acreditou este curso 29 títulos -18 de grao e 11 de máster-, dos que dous se imparten na facultade anfitrioa: o grao en Química e o Máster en Química Orgánica. Para Viaño, a acreditación é a confirmación de que “ cumprimos os nosos compromisos”. “Non sen dificultades na época de carestía que pasamos, pero grazas ao esforzo colectivo”, afirmou, “continuamos formando os futuros profesionais da química”.

“Vivimos tempos convulsos”, engadiu. As ameazas ao cambio climático, os fenómenos ambientais, os novos materiais ou a seguridade alimentaria son algún dos retos “fundamentais” para a humanidade que o reitor mencionou como aqueles nos que a Química ten que xogar un papel crucial”.

A Conferencia de Decanos de Química agrupa dende o ano 2007 os 37 centros nos que se imparte docencia das titulacións de química. Entre os seus cometidos, figura a representación colexiada e a defensa dos intereses para a mellora continua dos estudos de Química e das condición laboral dos titulados, a contribución á óptima formación profesional do químico ou a promoción de accións para a mellora da ensinanza da química na educación secundaria e bacharelato.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.07.2017.