O curso ‘A tolemia na arte’ aborda a representación das enfermidades mentais desde o cinema ata a música
Este mércores 16 de outubro remata o prazo para inscribirse no sétimo ‘Curso de formación de voluntariado en saúde mental: A tolemia na Arte’, no que se abordará como se representaron as enfermidades mentais en diversas artes ao longo da historia.
Comeza o venres 18 de outubro no Paraninfo da USC na Facultade de Xeografía e Historia a partir das 17.00 horas coa presentación do curso, que está previsto sexa seguida ás 17.30 pola conferencia inaugural do pianista James Rhodes, e continuará os días 19, 25 e 26 de outubro na Aula Magna da Facultade de Matemáticas.
Esta actividade formativa está organizada pola Asociación Itinera en colaboración coa Fundación Barraca XXI e o Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU) da USC. Esta edición do curso de voluntariado xirará arredor da relación da saúde mental e das diferentes expresións artísticas (cinema, música, artes plásticas...), e de como se representaron nas diversas artes as enfermidades mentais, a través da experiencia de diferentes profesionais artísticos e do eido da saúde mental.
A formación, gratuíta e recoñecida cun crédito ECTS para o estudantado da USC, desenvolverase a través de conferencias, obradoiros, proxeccións e mesas redondas nas que as persoas participantes poderán coñecer de primeira man diferentes experiencias e técnicas artísticas que poder aplicar ao voluntariado en saúde mental, da man do director de cine Alfonso Zarauza, a cantante Guadi Galego ou o director teatral Fran Rei, entre outras persoas do mundo da cultura e da saúde.