O Curso de habilidades comunicativas desenvolverase entre outubro e xaneiro
A redacción científica, falar en público e a realización de presentacións dixitais eficientes son os tres módulos nos que se organizan o curso de Habilidades comunicativas da USC. Cada un destes módulos poderá cursarse de xeito independente cunha carga lectiva de 25 horas e será recoñecidos con 1 ECTS por competencias transversais (lingua) para todas as titulacións.
En horario de tarde, o curso será impartido por medio de teledocencia na plataforma corporativa Teams, ao longo deste primeiro cuadrimestre do curso 23/24, estando aberto a estudantes de calquera dos dous campus. A segunda convocatoria do curso desenvolverase entre os meses de febreiro e abril.
Redacción científica
O obxectivo do módulo dedicado á redacción científica é mellorar a competencia escrita e diríxese sobre todo a persoas que se atopan no proceso de redacción dun documento científico: artigo, traballo académico de curso, traballo de fin de grao ou de mestrado, proxecto fin de carreira ou tese de doutoramento. A matrícula estará aberta entre os días 17 e 19 de outubro.
Falar en público
A defensa oral dun traballo científico ou académico, a exposición dun relatorio nun congreso, a presentación dun proxecto perante unha administración ou unha empresa son algunhas das situacións nas que poderán despregarse as habilidades adquiridas neste bloque centrado nas destrezas relacionadas coa comunicación oral. A matrícula neste caso permanecerá aberta entre os días 7 e 9 de novembro.
Presentacións eficientes
O terceiro dos bloques aborda as técnicas e os aspectos máis salientables para a elaboración de presentacións dixitais eficientes, poñendo o foco na importancia crecente destes recursos na vida universitaria. Cuestións relacionadas coas tipografías máis axeitadas, uso das cores e as transicións terán o seu espazo no programa do curso, cuxo obxectivo será transmitir mellor o coñecemento científico. A matrícula do último bloque abranguerá do 28 ao 30 de novembro.