The Conversation achégalle ao persoal investigador da USC as claves para divulgar mellor os seus coñecementos
A web The Conversation é unha plataforma editorial internacional sen ánimo de lucro que conta cun equipo de xornalistas con especialización en divulgación da ciencia e da tecnoloxía e que pon a disposición dos medios de comunicación e da sociedade artigos divulgativos e de análise escritos pola comunidade académica e investigadora.
Esta plataforma axuda a comunidade investigadora a dar o salto de escribir artigos científicos ou papers nos que se expoñen os resultados de investigacións de maneira metódica e técnica, e a comunicar a ciencia ao público xeral, un apoio importante para acadar a democratización do coñecemento.
A USC conta co apoio e a colaboración de The Conversation e nese marco desenvolveuse este venres 25 de outubro un curso intensivo dirixido ao persoal investigador e docente para achegarlle os coñecementos e ferramentas prácticas necesarios para acceder á plataforma e comezar a publicar artigos divulgativos sobre as súas propias investigacións e comprobar o impacto que poden chegar a ter na sociedade.
Dentro deste curso, explicouse o funcionamento da plataforma e realizouse un obradoiro práctico sobre como escribir un artigo de divulgación con gancho, achegando propostas sobre a forma de titular e etiquetar os textos para publicar na rede, abordouse a orde na que se deben presentar os contidos nos textos de divulgación en contraste cos artigos científicos, como escoller temas de interese e finalmente traballo con propostas de artigo.