Ir o contido principal

O Consello de Goberno incrementa en 24 a súa proposta de novas prazas de profesorado para este ano

Un momento do Consello de Goberno deste mércores. FOTO: Santi Alvite
Un momento do Consello de Goberno deste mércores. FOTO: Santi Alvite
Deuse ademais o visto bo á creación das cátedras institucionais Otero Pedrayo e Araguaney para o diálogo entre culturas

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago acordou este mércores incrementar a oferta de prazas de PDI para o presente ano toda vez que acaba de actualizar, a 1 de setembro de 2024, as cifras do cómputo de baixas inicial. Deste xeito, se na primeira planificación a previsión de baixas era de 43 profesoras e profesores, agora a cifra final das coñecidas -que inclúe xubilacións forzosas, falecementos, excedencias voluntarias sen reserva de posto e xubilacións voluntarias- ascende a 57 profesoras e profesores, 14 máis que as previsións iniciais.

En consecuencia, e tal como se fixo en anos anteriores, o Consello de Goberno vén de dar o seu visto bo a unha planificación complementaria que permita atender as necesidades creadas como consecuencia das xubilacións non contabilizadas inicialmente, así como outras situacións sobrevidas, e en particular a reposición de prazas de profesorado temporal que quedaron vacantes, fundamentalmente como consecuencia do desenvolvemento de concursos de profesorado. Esta nova planificación prevé a creación de 21 prazas de profesorado axudante doutor, 15 delas en Santiago e 6 en Lugo, e a reposición de 3 prazas vacantes.

Esta liña de intervención afonda na planificación estratéxica que a USC leva desenvolvendo nos últimos anos a través de procesos que inciden na estabilización e a promoción do seu persoal docente e investigador. Deste xeito, as medidas levadas a cabo ata agora nesta materia permitiron facer fronte ao relevo xeracional xerando ao tempo unha oportunidade para crear prazas que favoreceron o inicio da carreira investigadora.

Dúas novas cátedras
Na mesma sesión, acordouse a creación de dúas novas cátedras institucionais. Por unha banda, a Otero Pedrayo créase para contribuír a manter, arrequentar e espallar o coñecemento do legado artístico e intelectual de Ramón Otero Pedrayo, en tanto figura sobranceira da Galicia do século XX. As súas actividades procurarán expandirse nos ámbitos galego, estatal e internacional impulsando a colaboración tanto con institucións e entidades públicas, o Institut Ramon Llull ou o Instituto Cervantes, por exemplo, como emanadas da sociedade civil, tal como diversas fundacións ou casas-museo na traxectoria, o pensamento e a obra do autor, así coma co estudo da tradición galeguista e da memoria da Xeración Nós e das súas principais figuras. Con ela complétase o ciclo de proxección de figuras fundamentais de Galicia nestes ámbitos a través das cátedras institucionais, xuntamente con Rosalía de Castro, Castelao e Carvalho Calero.

Por outro lado, a cátedra institucional Araguaney para o diálogo entre culturas nace coa finalidade de fomentar a docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento no eido da xestión cultural e dos estudos interculturais. Trátase de fomentar o achegamento entre a cultura española, con especial fincapé na cultura galega, e as culturas árabes, mediterráneas e hispanoamericanas e crear espazos destinados á reflexión  sobre as dinámicas interculturais presentes nas sociedades contemporáneas.

Outros asuntos
En materia de persoal, aprobouse ademais unha modificación da RPT de PTXAS Laboral así como a incorporación á Universidade de 10 persoas beneficiarias do Programa Ramón y Cajal, que se distribuirán entre 9 áreas de coñecemento, a maioría delas con previsión de necesidades de persoal no ano de estabilización ou nos dous seguintes anos.

Deuse luz verde tamén á convocatoria anual 2024-2025 para a tramitación de novas propostas e modificacións de memorias de titulacións de grao, másteres universitarios e programas de doutoramento, que establece prazos e requisitos concretos.

A sesión completouse coa aprobación da declaración de carácter excepcional e singular de dúas solicitudes de subvención obxecto de convenio á Deputación da Coruña para financiar a organización da 27 Conferencia Europea en Intelixencia Artificial (ECAI) e o Informe anual sobre a Economía Galega de 2023 así como de novos logos para as cátedras de Cultura Latinoamericana Alejo Carpentier e de Saúde Ambiental e a participación da USC na Asociación Profesional Española de Privacidade (APEP). A memoria do Instituto de Ciencias da Educación foi outro dos asuntos tratados.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.09.2024.