Ir o contido principal

A Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica recibe preto de 130 comunicacións científicas na súa vixésima edición

Logo da ECSOC20
Logo da ECSOC20
A ECSOC 20 conectará en rede durante o mes de novembro centos de investigadores de todo o mundo, sinala o grupo de investigación Novas Metodoloxías Sintéticas da USC

A vixésima edición da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica (ECSOC 20), un congreso virtual promovido polo grupo de investigación de Novas Metodoloxías Sintéticas da USC, integrado polos profesores do Departamento de Química Orgánica da USC na Facultade de Ciencias do Campus Julio A. Seijas e Pilar Vázquez Tato, recibiu xa preto de 130 comunicacións de investigadores de todo o mundo, uns estudos que serán obxecto de debate e análise nos distintos foros virtuais que se desenvolverán durante o mes de novembro.

O catedrático do Departamento de Química Orgánica da USC e principal impulsor deste congreso ademais de presidente do comité científico do mesmo, Julio A. Seijas, subliñou a calidade das comunicacións que ano tras ano se presentan a debate e que logo permanecen accesibles en repositorios de referencia internacional. Asemade, logo de remarcar que a valía das achegas científicas tamén está acreditada polo labor que desenvolven os membros do comité científico, Seijas remarcou que o esquema de desenvolvemento da ECSOC, o congreso virtual que conta cunha traxectoria temporal máis ampla, representa a arquitectura formal do que deberían ser os congresos científicos do século XXI. Do mesmo xeito que en anos anteriores, os promotores desta edición da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica conta entre os seus patrocinadores coa Rede Galega de Líquidos Iónicos, USC e a Real Sociedade Española de Química. As distintas sesións de debate e análise programados no marco desta conferencia internacional desenvolveranse de xeito virtual a través do espazo web http://sciforum.net/conference/ecsoc-20 a partir do día 1 e durante todo o mes de novembro. Durante estes 30 días, os químicos e investigadores de países de todo o mundo interesados na temática que aborda a ECSOC 20, teñen unha boa oportunidade para intercambiar e compartir traballos sobre macromoléculas, polímeros, líquidos iónicos, química computacional, síntese iónica por microondas... Alén da dilatada traxectoria da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica, un congreso internacional que xa vai pola edición número 20 e que desde hai máis dunha década organiza o grupo de investigación en Novas Metodoloxías Sintéticas da USC, Julio A. Seijas, precisa que este tipo de congresos favorece a relación e o establecemento de contactos entre investigadores de moi distintos países, ao tempo que tamén reforza a posición da USC no escenario mundial e contribúe, se cabe, a dar unha maior visibilidade internacional ao campus Terra da USC e ás investigacións que nel se desenvolven no eido da Química.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.10.2016.