O CITMAga resolve o I Concurso PIMAga
O I Concurso PIMAga do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) xa ten gañadores. A iniciativa, liderada pola Comisión de Divulgación do CITMaga, pretende descubrir e dar difusión ás actividades que os centros escolares galegos realizan con motivo do Día Internacional das Matemáticas (14 de marzo).
O primeiro premio foi para o alumnado de 1º da ESO do IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras por ‘Traballando o número π’; o segundo para o terceiro curso da ESO do CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Ferrol por ‘Poñamos que falo de Ferrol... Descubrindo enigmas na cidade’, e o terceiro para o CEIP A Ponte de Ourense por ‘Xogamos coas matemáticas en educación física’. Ademais, concedeuse un accésit por ‘Pi-Cadea e Concurso de Pituits’ ao IES Mugardos (Mugardos, A Coruña)
O xurado do concurso estivo composto por Miguel Brozos Vázquez, María Isabel Borrajo García, Laura López Paz, Marta Pérez Rodríguez e Miguel Picos Maiztegui. Para o CITMAga este I Concurso PIMAga foi o punto de partida dunha serie de actividades, que se irán desenvolvendo ao longo dos próximos meses, que pretenden achegar as matemáticas e o labor do seu persoal investigador á sociedade, coa fin de divulgar a cultura matemática e espertar novas vocacións científicas entre a mocidade.