O CiMUS incorpora a senescencia celular como nova liña de investigación
O CiMUS da USC amplía as súas áreas de investigación cunha novidosa liña de estudo, a senescencia celular, e faino sumando ao equipo deste centro o novo investigador Manuel Collado, tras a formalización dun convenio entre o CSIC e a Universidade de Santiago de Compostela. Entre os seus obxectivos atópase avanzar no coñecemento das bases biolóxicas do envellecemento xa que isto permitirá actuar de maneira preventiva fronte ás enfermidades. A transversalidade desta área permitirá establecer sinerxías cos distintos grupos do CiMUS, sobre todo os vencellados aos estudos en cancro e métodos de Drug Discovery.
O grupo de investigación de Collado foi pioneiro en desenvolver unha tecnoloxía prometedora denominada reprogramación celular para modificar patróns de envellecemento e enfermidades asociadas. Consiste en rexuvenecer as células mediante unha estratexia que permite separar o efecto desdiferenciador da reprogramación do rexuvenecedor que tamén posúe.
“Experimentamos coa reprogramación parcial e as posibilidades que ofrece para tratar o envellecemento e moitas patoloxías, con resultados espectaculares nos que aínda estamos traballando pero que representan unha gran promesa en moitas áreas terapéuticas”, afirma.
O envellecemento, principal reto da investigación actual
O envellecemento debilita e predispón ao desenvolvemento de patoloxías, agrávaas e fai menos efectivas as opcións terapéuticas. No último século conseguiuse aumentar a lonxevidade e máis persoas conseguen alcanzar idades avanzadas, o que supón que a poboación envellece. “Xuntar ambos factores leva consigo maior predisposición a enfermidades coa idade e a unha poboación máis envellecida, o que fai que o reto ao que nos enfrontemos sexa o dunha maior prevalencia de enfermidades asociadas ao envellecemento das que debemos ocuparnos”, comenta Collado.
“Avanzar no entendemento das bases biolóxicas do envellecemento é entender como enfermamos e tratar de retrasar ou paliar os seus efectos é actuar de maneira preventiva fronte ás enfermidades”, explica. Deste xeito, coñecer como contribúe o envellecemento a moitas enfermidades podería proporcionar oportunidades de intervención terapéuticas efectivas que diminúan a fraxilidade e dependencia que moitas veces acompañan a vellez. “O cancro é un bo exemplo xa que é esencialmente unha enfermidade do envellecemento. O factor de risco con maior impacto no desenvolvemento desta enfermidade é a idade. Maior incluso que factores nos que insistimos durante anos como fumar, o alcohol ou a radiación solar”, aclara Collado.
“Por iso, o estudo integral do envellecemento debería ser unha prioridade nas nosas sociedades. Así o entenderon a maioría de países avanzados e, non obstante, España, non parece apostar por esta investigación. Galicia posúe algunhas das rexións máis lonxevas do mundo e o estudo do envellecemento debería ser prioritario”, salienta o novo investigador deste Centro Singular.
Fármacos senolíticos
O control da senescencia celular achegará enormes beneficios en distintas áreas terapéuticas. Actualmente o seu grupo conta con resultados satisfactorios en ratos nos que a través de fármacos viron xa eliminadas as células senescentes do seu organismo. Estes resultados foron posibles tras identificar hai xa uns anos unha nova familia deste tipo de fármacos grazas á plataforma Innopharma de descubrimento de fármacos do CiMUS. “Iso ademais serviunos para aumentar a nosa busca de senolíticos e grazas á iniciativa europea Openscreen conseguimos identificar varias moléculas moi prometedoras que estamos investigando na actualidade”, apunta.
“En animais de experimentación é posible observar como os tratados con senolíticos chegan a idades avanzadas en mellor estado de saúde e con menor incidencia de enfermidades, o que sería un potencial uso preventivo do desenvolvemento xeral de enfermidades durante o envellecemento. Pero tamén se demostrou un beneficio cando os senolíticos se aplicaron a modelos de enfermidades concretas. Esta última vía é a que na actualidade se está explorando xa en humanos, mediante ensaios clínicos con pacientes de enfermidades concretas. De feito, estamos nos pasos iniciais da súa traslación”, explica.