Ir o contido principal
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na <a href="https://pro-assets-usc.azureedge.net/gl/aviso-legal">política de cookies</a>.

O CETUR organiza a súa primeira Geonight cun Escape Room en Santiago de Compostela

A actividade partirá da Praza do Obradoiro. Foto: Santi Alvite
A actividade partirá da Praza do Obradoiro. Foto: Santi Alvite
A data límite para inscribirse é o 3 de abril
Santiago de Compostela

O Centro de Estudos Turísticos (CETUR) da USC participa este ano por vez primeira na GeoNight do 4 de abril -‘a noite da Xeografía’-, un evento internacional promovido pola Asociación de Sociedades Europeas de Xeografía e a Unión Internacional de Xeografía, que ten como obxecto fomentar o coñecemento da xeografía de maneira simultánea en todo o mundo.

Entre as múltiples propostas existentes, o Cetur decidiu celebrar ese día cun escape room urbano pola cidade histórica de Santiago de Compostela. Ao longo dunha hora, as persoas participantes visitarán puntos emblemáticos da cidade, descifrarán códigos e superarán a evidencia que os levará ao final. O roteiro inclúe paradas clave para o turismo urbano na cidade, onde deben resolver enigmas relacionados coa historia e a arquitectura da cidade de Santiago de Compostela.

O obxectivo principal da actividade é explorar e descubrir os recursos culturais, patrimoniais e turísticos de Santiago dunha maneira divertida e orixinal. Grazas a esta exploración urbana, quen participe vivirá unha experiencia desafiante, mentres exploran os segredos históricos e culturais da cidade de Santiago de Compostela.

Dado que as prazas son limitadas, para participar é preciso escribir un correo electrónico a cetur@usc.es indicando nome e apelido e teléfono de contacto como moi tarde o xoves 3 de abril. A organización enviará un correo de volta con todos os detalles da ruta, que dará comezo o venres 4 ás 18.00 horas na Praza do Obradoiro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.03.2025.