Medio cento de persoas formaranse en estratexias socioeducativas para unha atención inclusiva ante o TEA
Ofrecer dende un enfoque teórico-práctico unha formación introdutoria sobre as características dos Trastornos do Espectro Autista (TEA) é o obxectivo do curso de formación específica que se bota a andar este luns 26, a partir das 16.00 horas, na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Vida, e que se estenderá ata o día 28. A actividade permitirá afondar ao medio cento de persoas insctitas nas estratexias socioeducativas prioritarias para abordar unha atención pertinente, respectuosa e inclusiva.
O curso combinará sesións expositivas con actividades dinámicas e participativas nas que se contará con expertos e expertas na atención socioeducativa a persoas con TEA pertencentes a diversos centros educativos, entidades e asociacións do ámbito. A actividade está dirixida por Esther Vila Couñago e Ana Rodríguez Guimeráns.
Programa
A formación abranguerá nocións básicas sobre TEA, así como a intervención dende unha perspectiva globalizada, a estruturación espacial e temporal, as condutas non desexadas e o apoio condutual positivo, deseño e adaptación de recursos para alumnado con TEA, experiencias de boas prácticas e orientacións para a intervención socioeducativa con persoas con este tipo de trastornos.
Este curso, aprobado polo Departamento de Pedagoxía e Didáctica, ofrece unha formación inicial con respecto ao TEA e á súa intervención orientada ao plano educativo, pero sen abandonar a necesidade dunha intervención holística. Profesionais da educación de todas as especialidades e niveis, alumnado e familias descubrirán, da man de persoal investigador, asociacións, familias e profesorado en activo, as características destes trastornos e afondarán nas estratexias prioritarias para abordar unha atención educativa pertinente e inclusiva. Expedirase diploma de aproveitamento pola USC.