Ir o contido principal
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na <a href="https://pro-assets-usc.azureedge.net/gl/aviso-legal">política de cookies</a>.

Catro estudantes do Campus de Lugo gañan o premio Talent Match coa súa idea de asistentes virtuais para hoteis

Tres dos catro membros do equipo do Campus de Lugo vencedor do Talent Match. FOTO: Hotusa
Tres dos catro membros do equipo do Campus de Lugo vencedor do Talent Match. FOTO: Hotusa
O proxecto vencedor do certame convocado polo grupo Hotusa propón o uso de intelixencia artificial para ofrecer recomendacións de actividades ou personalizar servizos

Un equipo de catro estudantes do grao en Empresa e Tecnoloxía do Campus de Lugo acaba de gañar co seu proxecto ‘Nova’ a oitava edición do certame Talent Match convocado polo grupo Hotusa, no que participaron 150 estudantes de doce centros universitarios españois, dos cales 50 resultaron finalistas e presentaron en Madrid as súas propostas, no marco dunhas xornadas de formación nas que completaron o desenvolvemento das súas ideas.

En concreto, ‘Nova’ “propón a creación dun asistente virtual que estea ao dispor do hóspede durante a súa estadía no hotel e que lle ofreza diferentes facilidades como recomendacións de actividades ou lecer durante a súa viaxe ou a personalización de servizos dispoñibles no establecemento, entre outros”. A idea vencedora da competición desenvolvida por Sabela Lage, Miguel Ángel Goyanes, Alba Martínez e Bruno Alonso consiste en “optimizar a xestión operativa dos hoteis a través desta innovadora solución, e, ao mesmo tempo, ofrecer un mellor servizo e mellor adaptado ás necesidades de cada hóspede”, indican desde Hotusa.

O proxecto dos catro estudantes de Empresa e Tecnoloxía da USC “está ligado a unha tendencia que na actualidade está a revolucionar numerosos aspectos da nosa vida cotiá e transformando a forma en que interactuamos coa tecnoloxía e o mundo que nos rodea, a intelixencia artificial”, segundo subliña a organización do certame.

Foto de familia de finalistas do certame. FOTO: Hotusa
Foto de familia de finalistas do certame. FOTO: Hotusa
Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.04.2024.