O catedrático Eduardo García Río, homenaxeado no congreso mundial sobre xeometría diferencial que se desenvolve en Matemáticas
A forma e a simetría dos espazos desde a perspectiva da xeometría riemanniana, a análise xeométrica e a física matemática son algúns dos temas que se abordan dende hoxe no congreso ‘Symmetry and shape’ que se desenvolve na facultade compostelá de Matemáticas e no que se lle rendeu homenaxe ao catedrático da USC Eduardo García Río no seu 60 aniversario.
De acordo co matemático alemán Felix Klein, a xeometría é o estudo das propiedades dun espazo que son invariantes baixo certo tipo de transformacións. O concepto de simetría ten por tanto que ver con esas propiedades invariantes ou, noutras palabras, co feito de que a forma dun obxecto ou espazo non cambia baixo certas transformacións. A forma, por outra banda, ten que ver coas medidas, dimensións e curvatura dun obxecto ou espazo, polo que o seu estudo se enmarca do xeito máis natural posible no eido da xeometría. A interacción entre simetría e curvatura constitúe unha área de investigación dunha longa traxectoria no departamento de Matemáticas da USC e que continúa na actualidade xerando coñecemento matemático de gran valor.
Eduardo García Río
É precisamente neste campo da xeometría onde Eduardo García Río desenvolveu boa parte da súa labor investigadora. García Río obtivo o seu doutoramento en 1992 pola Universidade de Santiago de Compostela, universidade na que é profesor titular desde 1994, e catedrático desde 2010. Foi profesor visitante nas universidades de Cornell (Estados Unidos) e Kyoto (Xapón) e é autor de máis de 130 artigos en recoñecidas revistas de matemáticas e física matemática, así como de 7 monografías. Ten máis de 40 coautores e dirixiu 12 teses de doutoramento.
Os seus traballos no campo da xeometría semi-riemanniana abriron importantes liñas de investigación, habitualmente coa curvatura como pano de fondo, e constitúen referencias básicas nesta área. Na súa traxectoria investigadora son salientables as súas achegas para a resolución da conxectura de Osserman, os seus estudos sobre distintas xeralizacións das variedades Einstein, combinando técnicas alxébricas con outras propias da xeometría riemanniana e a análise xeometrica, ou os seus traballos en variedades con distintos tipos de estruturas complexas.
Ademais, é editor de dúas destacadas revistas de matemáticas, o Journal of Geometric Analysis e Differential Geometry and its Applications, e foi membro do panel de Matemáticas da Axencia Estatal de Investigación durante catro anos. Desde 2023, é Académico Numerario da Real Academia Galega de Ciencias.
Esta importante cita científica reunirá en Compostela ata o 27 de setembro persoas expertas de todo o mundo no ámbito da xeometría diferencial procedentes de países como Alemaña, Italia, Bélxica, México, Reino Unido ou Australia. O programa recolle 13 conferencias convidadas, outras 18 comunicacións orais e unha sesión homenaxe o xoves pola tarde.