A Cátedra Juana de Vega organiza a conferencia 'A construción dun proxecto igualitario: a mobilización das mulleres en España (1868-1931)'
De xeito parello á mostra ‘Juana de Vega, Condesa de Espoz y Mina (1805-1872): facer no século’, a Cátedra Juana de Vega do departamento de Historia da Facultade de Xeografía e Historia da USC desenvolve varias actividades con motivo da conmemoración do 150 aniversario da morte de Juana de Vega. Así, Marta del Moral, profesora de Historia da Universidade Complutense de Madrid impartirá no salón de actos do Consello da Cultura Galega o relatorio 'A construción dun proxecto igualitario: a mobilización das mulleres en España (1868-1931)'. Esta conferencia ofrece un panorama xeral da mobilización política das mulleres de España dende as primeiras experiencias de militancia republicana nos anos do Sexenio democrático (1868-1874) ata a proclamación da Segunda República en 1931.
A sesión terá lugar o 16 de febreiro, ás 18.30 horas, e pretende trazar un percorrido cronolóxico en torno ás axendas das mulleres que militaron en partidos, sindicatos e outras asociacións. O obxectivo é identificar as súas reivindicacións dende a súa incorporación a proxectos políticos preexistentes, a partir dunha achega dende o rol que a sociedade lles asignaba como mulleres, ao desenvolvemento dunhas motivacións propias en iniciativas integradas nas mesmas culturas políticas ou de forma independente.
Marta del Moral Vargas é profesora do Departamento de Historia Moderna e Historia Contemporánea da Universidade Complutense de Madrid. Dende o ano 2020, dirixe o Grupo de Investigación "Relacións de xénero no mundo contemporáneo: unha perspectiva interdisciplinaria desde a Historia, a Xeografia e o Dereito". As súas liñas de investigacion céntranse na historia da acción colectiva feminina na España do primeiro terzo do século XX e as súas conexións internacionais, a presenza das mulleres nos poderes locais e o liderado politico feminino. O seu traballo foi recoñecido a través de varios premios como o IV Premio Juana de Vega de Investigación en Humanidades e Ciencias Sociais (Modalidade A, Teses doutorais) en 2010, o V Premio a Teses doutorais da Asociación Española de Investigación en Historia das Mulleres (AEIHM) en 2010 e o XXIX Premio de Divulgación Feminista Carmen de Burgos da Universidade de Málaga en 2022.