Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

Carlos Salgado recibe unha axuda Advanced Grant do European Research Council

Carlos Salgado é profesor da Facultade de Física da USC e director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, unidade de excelencia María de Maeztu na USC
Carlos Salgado é profesor da Facultade de Física da USC e director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, unidade de excelencia María de Maeztu na USC
Dirixe o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, unidade de excelencia María de Maeztu na USC

A luz tarda tres ioctosegundos en atravesar un protón. Se un segundo fose tan grande como toda a idade do universo, ese tempo sería un millón de veces máis rápido que un chiscar de ollos. Sendo un intervalo de tempo tan efímero, non obstante é aparentemente suficiente para que en certo tipo de colisións do Large Hadron Collider do CERN (LHC), os quarks e os gluóns que forman os protóns perdan a súa coherencia cuántica, interaccionen entre eles e formen un novo estado da materia coñecido como plasma de quarks e gluóns, o estado de todo o universo tan só unhas millonésimas de segundo despois do Big Bang.

Estudar aspectos fundamentais na formación deste plasma primixenio nos aceleradores de partículas é o obxectivo do proxecto que lidera o director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, o profesor de Física Teórica da USC Carlos A. Salgado, co financiamento do European Research Council (ERC) que acaba de outorgarlle a axuda Advanced Grant, dotada con 2,5 millóns de euros para un período de cinco anos. O proxecto leva por título ‘Yoctosecond imaging of QCD collectivity using jet observables’ (YoctoLHC). As axudas Advanced Grant están deseñadas para apoiar científicos “líderes excepcionais en termos de orixinalidade e significado das súas liñas de investigación”. O ERC achega financiamento para o desenvolvemento de ciencia de fronteira coa excelencia como principal requisito de selección.

Como explica Carlos Salgado, varias das propiedades do plasma de quarks e gluóns son coñecidas despois de dúas décadas de intenso estudo experimental. Así, sábese da súa “baixísima viscosidade, a máis baixa de calquera material coñecido, ou a súa temperatura, centos de miles de veces maior que a do interior do Sol”. Non obstante, pese a estes avances, descoñécese o mecanismo físico que describe a creación desta nova fase da materia tan rapidamente a partir dos constituíntes fundamentais dos protóns e neutróns. O proxecto YoctoLHC propón utilizar de maneira novidosa un tipo de sondas, os jets ou chorros de partículas producidos a alta enerxía, para realizar unha imaxe temporal dos primeiros 10 ioctosegundos da colisión e entender, deste xeito, o proceso de emerxencia da complexidade a partir dos elementos máis fundamentais da natureza, as partículas do Modelo Estándar (a teoría que describe as partículas fundamentais e as súas interaccións).

O proxecto desenvolverase no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, e contará ademais coa participación de persoal investigador do Laboratório de Instrumentação e Física Experimental de Partículas de Lisboa (LIP) e da Universidade de Jyväskylä en Finlandia.

Advanced Grant
Esta é a segunda axuda Advanced Grant concedida a persoal investigador da USC, logo da xestionada polo profesor José Luis Mascareñas para a aplicación dos métodos de síntese química con catalizadores metálicos, utilizados normalmente no laboratorio e na industria, para levar a cabo reaccións directamente no interior das células vivas. Esta nova concesión a Carlos Salgado, súmase á axuda Starting Grant que xa recibira en 2011 para estudar estados da materia a altísimas temperaturas onde os quarks e os gluóns están libres en distancias macroscópicas do tamaño do núcleo atómico. O proxecto, esencialmente teórico, pretendía comprender as propiedades destes medios creados no LHC.

Carlos Moedas, comisionado europeo para Investigación, Ciencia e Innovación, explica que o programa Advanced Grant respalda “a investigadores destacados en toda Europa. O seu traballo pioneiro ten o potencial de marcar unha diferencia na vida cotiá das persoas e brindar solucións a algúns dos desafíos máis urxentes”. Neste senso, engade, “o ERC brinda a estas mentes brillantes a posibilidade de seguir desenvolvendo as súas ideas máis creativas e xogar un papel decisivo no avance de todos os dominios do coñecemento".

A esta convocatoria do ERC concorreron un total de 2.052 propostas de investigación, aínda que unicamente foron seleccionadas para recibir financiamento un 11% das solicitudes. As axudas Advanced Grant, ademais de permitir desenvolver investigación nas fronteiras do coñecemento, está dirixida “a investigadores recoñecidos de calquera nacionalidade ou idade, que sexan cientificamente independentes e teñan un historial e perfil de investigación de alto nivel e actual que os identifique como líderes nos seus respectivos campos”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.03.2019.