Ir o contido principal

Carlos P. Dopazo, novo director do iARCUS

Carlos P. Dopazo é profesor na Facultade de Bioloxía da USC
Carlos P. Dopazo é profesor na Facultade de Bioloxía da USC
O Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global dá continuidade e amplía a actividade que ata o de agora viña desenvolvendo o Instituto de Acuicultura
Santiago de Compostela

O profesor da Facultade de Bioloxía Carlos P. Dopazo é o novo director do Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global da USC (iARCUS). Este Instituto dá continuidade e amplía a actividade que ata o de agora, e dende 1997, viña desenvolvendo o Instituto de Acuicultura, ampliando a súa masa crítica e obxectivos cara a unha nova axenda científica con perspectiva holística de saúde global en relación co medio acuático.

Carlos P. Dopazo é profesor titular de universidade dende 1997. Autor de máis dun cento de publicacións científicas, ten sido investigador principal nunha vintena de proxectos de investigación. Foi coordinador da Rede Galega de Biotecnoloxía en Acuicultura (REGABA) entre os anos 2004 e 2008, da Rede Internacional de Virus de Vertebrados Inferiores (INVLV) dende 2010 e ata 2018, do mestrado interuniversitario oficial de Acuicultura de Galicia (2008-2024) e, na actualidade, da rede estatal EpiMar. Foi director do Instituto de Acuicultura dende 2015 a 2023, e dende xullo de 2024 é director de iARCUS da USC. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.07.2024.