O Campus de Lugo reivindica a divulgación científica a través da lingua materna

Dende hai 25 anos o Día Internacional da Lingua Materna, organizado pola ONU e a Unesco, trata de promover a consciencia sobre a diversidade lingüística e cultural e sobre o plurilingüismo do planeta. A edición deste ano parte do lema 'As linguas importan' e destaca a urxencia de avanzar no recoñecemento da diversidade lingüística co fin de construír un mundo máis inclusivo e sustentable coa mirada posta no 2030. Tomando como punto de partida esta idea, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da USC organizou o acto ‘Contar a ciencia desde nós’ que serviu de marco para a entrega de premios ás gañadoras e gañadores da última edición do concurso ‘Petiscos de ciencia’, que premia os mellores vídeos de divulgación científica elaborados por estudantado de ensino secundario.
A sesión presidida pola decana Asteria Maria Luzardo Álvarez serviu para destacar o valor de formar en ciencia nas linguas maternas como o galego, a lingua propia da USC, tanto no ensino formal como en espazos informais, como a divulgación científica. A sesión contou co monólogo 'O dogma central da bica', por Antonio Cagide, gañador da 2ª edición do concurso de monólogos científicos Ciencia Calidade; e a conferencia 'Falamos? A lingua materna como dereito e patrimonio', a cargo de Ana Belén Traseira Pena, directora do Centro Asociado da UNED de Lugo. Tamén participou no acto a secretaria do centro, Patricia Regal López.
Entrega de premios
Yara Candia Cabana, Laura Guizán Sánchez e Ana Montenegro Teijido, do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, foron as gañadoras do primeiro premio do certame audiovisual ‘Petiscos de Ciencia’ polo vídeo ‘Máquinas simples’. Esta iniciativa impulsada pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, diríxese a estudantado de ESO, formación profesional e bacharelato dos institutos de Galicia e de áreas galegofalantes de fóra da Comunidade autónoma, individualmente ou en grupos de como máximo tres persoas, coordinados por persoal docente. Para participar cumpría presentar un vídeo en galego de entre 30 e 90 segundos, inédito e orixinal, que atendese cun enfoque divulgativo a calquera tema relacionado coa ciencia.
O segundo premio do certame recaeu en Aya Abattouy e Darlien Sosa Paulino, do IES Martaguisela de O Barco de Valdeorras, polo vídeo ‘O magosto e a lei de Gay-Lussac’; mentres que o terceiro foi para Liliang Martínez Rodríguez do IES Laxeiro de Lalín, polo vídeo ‘A fluorescencia’. En total, a través deste certame, repartíronse 500 euros en premios: agasallo por valor de 250 euros para o equipo que acadou o primeiro posto, por valor de 150 para o segundo, e de 100 para o terceiro.
Obradoiro
A lingua galega, neste caso como ferramenta de creatividade, é tamén protagonista na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo a través do obradoiro de literatura infantil ‘O conto oral como ferramenta didáctica’ que se desenvolve este luns 24. Como achegamos a literatura infantil e xuvenil ás nenas e nenos? Como espertar e manter o interese pola lectura dende a escola? Cales son os beneficios de contar contos á cativada? Que relación hai entre contar e cantar? Podemos contar contos tradicionais? Onde podemos buscar contos para contar? A todas estas preguntas responde a narradora oral Marta Ortiz neste obradoiro, no que se concibe a literatura infantil como unha viaxe, unha aventura que se pode vivir de forma conxunta.
