BioReDes e Red Inmunogenom citan os días 28 e 29 nun congreso en Lugo a mocidade investigadora en produción primaria e alimentaria
O I Congreso da Mocidade Investigadora en Produción Primaria Sostible e Calidade e Seguridade Alimentaria (JPAS 2019), un foro de divulgación e debate científico promovido pola Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC e a Red Inmunogenom da USC, citará os vindeiros días 28 e 29 de novembro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo a investigadores mozos de todo o Sistema Universitario Galego, así como ligados a outros centros de investigación operativos na comunidade galega e noutras localizacións de España e de Portugal.
O obxectivo deste evento científico é o de crear un foro de análise e debate acaído para que a mocidade investigadora poida presentar as súas pescudas e expoñer os seus traballos de investigación, ademais de intercambiar opinións, debater resultados científicos e mellorar a súas técnicas e habilidades para a presentación e defensa pública dos seus traballos e achegas. O coordinador de BioReDes e da Red Inmunogenom da USC, o catedrático de Xenética Paulino Martínez Portela, adiantou estemércores na presentación dun congreso que JIPAS 2019 nace coa pretensión de converter en protagonista á mocidade investigadora, ao tempo que aspira a converterse nun espazo de intercambio e de conexión entre os diferentes grupos de investigación que traballan nos ámbitos da produción primaria sostible e de calidade e da seguridade alimentaria en España e Portugal.
A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, salientou asemade que a organización deste tipo de congresos contribúen a facer visible o intenso labor de I+D+ i que se está a desenvolver na sede universitaria luguesa, ao tempo que favorece a conexión con outros equipos e grupos de traballo tanto da USC como doutras universidades, o que supón unha oportunidade para establecer e potenciar futuras colaboracións científicas e o deseño de proxectos interdisciplinares de alto valor científico.
BioReDes fai camiño
A agrupación estratéxica do Campus Terra da USC BioReDes aproveitará a celebración do I Congreso da Mocidade Investigadora en Produción Primaria Sostible e Calidade e Seguridade Alimentaria para desenvolver en Lugo a primeira das acción programadas ao abeiro do proxecto ‘BioReDes fai camiño’, unha iniciativa subvenciona a través do programa de dinamización del Xacobeo 2021 ‘O teu Xacobeo’, promovido pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. “O proxecto ‘BioReDes fai camiño’ nace coa idea de facer que os Camiños de Santiago actúen como fío condutor para dar a coñecer a investigación que desenvolvemos os grupos de investigación agromados en BioReDes, ademais de afondar na conexión coa contorna produtiva, cultural, social e gastronómica de Galicia”, explicou a investigadora de BioReDes e profesora e directora do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da USC, María Isabel Quiroga Berdeal.
Quiroga Berdeal comentou que os ‘Camiños con ciencia’, roteiros representativos polo sector primario de Galicia, organizados no proxecto ‘BioReDes fai camiño’, permitirán o aproveitamento de recursos naturais e culturais das diferentes rutas xacobeas para divulgar o coñecemento e fomentar o turismo científico. Este dobre obxectivo permitirá asemade mellorar as relacións co tecido produtivo e as redes de transferencia de coñecemento e divulgación científica, ademais de impulsar actividades turísticas ligadas á ciencia e respectuosas coa contorna.
O primeiro Camiño con ciencia desenvolverase na capital luguesa o 27 de novembro. Esta acción, que se desenvolverá ao longo de toda a xornada e na que se agarda a participación de 50 persoas, entre as que figuran investigadores, creadores de opinión (xornalistas e divulgadores), xestores da administración, representantes do sector hostaleiro, profesionais de turismo, escolas de paisaxismo e turismo… permitirá facer á una visita guiada en formato interactivo polo río Rato, durante a que investigadores de de áreas diversas, tales como Botánica, Xeología, Micoloxía ou Edafoloxía, descubrirán moitos dos segredos que agocha o seu patrimonio natural e etnográfico.
Unha visita ao Mazo de Santa Comba, na que se poderá apreciar un conxunto etnográfico excepcional, ademais de debater sobre as oportunidades de desenvolvemento económico sostible na contorna de Lugo, unha camiñada guiada por un treito do Camiño Primitivo desde a ponte romana ata a Casa de Saber e a conseguinte visita ao Museo Universitario A Domus do Mitreo son outras das actividades previstas neste primeiro ‘Camiño con ciencia’, que chegará ao seu colofón cun evento gastro-científico-musical no mercado municipal de Quiroga Ballesteros.
Este evento gastro-artístico, que conta coa colaboración da área de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo, servirá de acto de benvida aos congresistas. Esta actividade incluirá show cookings a cargo de prestixiosos chefs de Lugo que elaborarán propostas gastronómicas con produtos locais de tempada amparados baixo DOPs e IXPS. O programa inclúe asemade catas guiadas de queixos e viños, monólogos científicos, faladoiros e música ao vivo.