Ir o contido principal

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias forma a profesionais na elaboración de queixos de pasta fiada

Liña de pasta fiada da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC
Liña de pasta fiada da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC
A plataforma tecnolóxica do Campus Terra da USC, o único centro de investigación galego e un dos poucos nacionais que conta cunha liña de fiado, organiza os días 16 e 17 de marzo un módulo teórico práctico de elaboración de queixos de callada estirada

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias do Campus Terra da USC atende as demandas de formación do sector coa organización cun curso teórico e práctico de elaboración de queixo de pasta fiada (pasta filata ou callada estirada) que se desenvolverá os días 16 e 17 de marzo en quenda de mañá e tarde.

Este módulo, dirixido a profesionais e impartido por José Manuel González, de Chr. Jansen, incluirá conceptos teóricos sobre os queixos de pasta fiada, tecnoloxías e procesos de coagulación e maduración. A parte práctica contempla o proceso de fabricación de dous tipos de pasta de queixo, como o son a pizza cheese e mozzarella fresca tipo boconchino.

Os queixos de pasta fiada, con orixe no sur de Italia, inclúen varios tipos de queixo entre os que destacan os tradicionais provolone, mozzarella e caciocavallo. A callada destes queixos introdúcese en auga quente e despois é sometida a un proceso de fiado que é posible grazas ás altas temperaturas e á acidez que transforman a estrutura da callada nunha callada plástica e maleable, relata a técnido da APLTA Laura Abuín. Ésta salienta asemade que cun mercado global enorme, o segmento da pasta fiada medra a gran velocidade en todo o mundo e a demanda mundial de queixo para pizza ou queixo mozzarella está a impulsar o crecemento do mercado a un ritmo moi acelerado.

A nova proposta formativa, a través da que a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC fai transferencia directa de coñecemento ao tecido empresarial e produtivo, permite tamén poñer en valor a liña de fiado de pasta de queixo de que dispón a plataforma tecnolóxica do Campus de Lugo, que é o único centro de investigación galego e un dos poucos de España que dispón deste tipo de tecnoloxía, segundo indica Laura Abuín.

A liña de fiado da que dispón a APLTA está composta por unha fiadora automática con capacidade de produción de 80-100 kg/h (fiado mediante brazos de amasar, con motor eléctrico de velocidade regulable, depósito con filtro para a recuperación do lactosuero conectado a unha bomba autoaspirante hixiénica) e por unha formadora automática con capacidade de produción de 180-200 kg/h (formado automático esférico de 15 g e 125 g, e cilíndrico de 1 kg).

Inscrición e horarios

As persoas interesadas en participar neste curso sobre elaboración de queixos de pasta fiada poden formalizar a súa matrícula ata o 15 de marzo través do enderezo de correo electrónico formacion [at] aplta.es (formacion[at]aplta[dot]es) ou no número de teléfono 647 344 098. O custe do curso, que ofrece un número de prazas limitadas, é de 230 euros. As sesións formativas programadas desenvolveránse de 8.00 a 19.00 horas o xoves 16 de marzo e, de 9.00 a 14.00 horas, na xornada do venres 17 de marzo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.03.2023.