Ir o contido principal

Arranca en Enfermaría a campaña especial de doazón de sangue ‘Non perdas este bus’

O reitor, a directora de ADOS e a decana de Enfermaría presentaron a campaña. Foto: Santi Alvite
O reitor, a directora de ADOS e a decana de Enfermaría presentaron a campaña. Foto: Santi Alvite
O reitor santiagués, que aproveitou para doar sangue, animou ao estudantado a participar na campaña e lembrou ademais que a USC é a que presenta maiores cifras de doazón

Os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue cada día para asegurar a total cobertura de necesidade deste recurso vital. Coa fin de cubrir esa demanda cada ano se realizan campañas de doazón por toda a xeografía galega, con especial atención aos campus universitarios nos que se conseguen case 5.000 doazóns anuais do seu estudantado. Destas, a USC sitúase á cabeza co 40% do total entre os seus campus de Santiago e Lugo.

Avanzando neste camiño, este martes arrancou na Facultade compostelá de Enfermaría unha nova campaña especial de doazón, ‘Non perdas este bus’, unha iniciativa que busca aumentar a participación da comunidade educativa e que percorrerá os sete campus universitarios galegos entre os meses de setembro e outubro, coincidindo co inicio da primeira fase da campaña de doazón nas universidades galegas que cada ano promove a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS).

Ao longo de toda a xornada, as persoas que o desexen poden doar na unidade móbil estacionada diante da Facultade de Enfermaría en horario de 10:00 a 14:30 e de 15:30 a 21:00 horas. Así mesmo, a Axencia instalou unha mesa informativa na que todos os membros da comunidade universitaria poden resolver dúbidas relacionadas coa doazón de medula ósea, un xeito de doazón que se está a potenciar no colectivo de poboación máis novo.

A solidariedade do estudantado da USC
Para acompañar na presentación da campaña á directora de ADOS, Marisa López García, e á decana da Facultade, Raquel Rodríguez González, ata a unidade móbil situada nese centro do campus norte achegouse o reitor compostelá, Antonio López, quen amosou o seu apoio realizando unha doazón de sangue. “É importante implicarse neste acto solidario e non teño dúbida da resposta do noso estudantado, que ano tras ano vén demostrando a súa implicación”, manifestou o reitor.

Antonio López referíase aos datos que ofrece ADOS sobre a participación dos universitarios e universitarias nas campañas de doazón de sangue e que sitúan a USC como a universidade galega que consegue máis doazóns do seu estudantado. Así, das 4.219 doazóns acadadas no curso 2023-24 entre os sete campus, 1.651 correspondéronse co estudantado da USC (1.257 en Santiago e 394 en Lugo).

Na presentación, a directora de ADOS quixo amosar o seu agradecemento ás tres universidades galegas “polo seu decidido e constante apoio ás iniciativas destinadas a promover o solidario xesto da doazón de sangue, tanto nesta campaña ‘Non perdas este bus’, como no resto de visitas das unidades móbiles de ADOS desenvolvidas durante todo o curso académico".
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.09.2024.