O alumno de Pedagoxía Luis Carreira reivindica ante o Parlamento galego o acceso igualitario á educación
Estudantes de diferentes espazos educativos solicitaron este semana no Parlamento galego o compromiso que garanta o cumprimento do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) 4 sobre o dereito á educación inclusiva, equitativa e de calidade. A iniciativa corresponde ao acto principal da Campaña Mundial pola Educación (CME) de Galicia que, en 2023, leva por lema ‘A educación transformadora con perspectiva de xénero’ e conta coa colaboración de once centros adheridos.
Representantes de colexios, institutos, centros de formación, Universidade e espazos de educación non formal tomaron a palabra no hemiciclo para reflexionar sobre as condicións educativas en España e Galicia e para solicitar aos deputados e deputadas a súa colaboración para garantir o acceso igualitario á educación. Para logralo, requiriron o seu compromiso coa contorna e cos países empobrecidos onde non se garanten os dereitos á educación das persoas, especialmente das nenas.
Á sesión, presidida polo presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, tamén acudiu o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez González; o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo; a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero e deputadas dos tres grupos parlamentarios.
Este ano formaron parte da Campaña Mundial pola Educación o alumnado da materia Educación Comparada do 3º curso do Grao en Pedagoxía. Traballaron indicadores internacionais sobre as desigualdades de acceso á educación e, nun proxecto de Aprendizaxe-Servizo desenvolto entre o equipo docente da materia e a CME, deseñaron intervencións en varios centros educativos de Educación Primaria, Educación Secundaria, outros espazos de educación non formal e lideraron diferentes actividades e obradoiros nas IX Xornadas de Educación para Cidadanía Global celebradas na Facultade de Ciencias da Educación a finais de abril co obxectivo de concienciar sobre a vulnerabilidade do dereito á educación con perspectiva de xénero.
No acto do Parlamento, interveu Luis Carreira en representación do alumnado da Facultade quen centrou o seu discurso na capacidade da educación para xerar sociedades máis fortes e democráticas e na defensa das e dos profesionais da educación.
En 2023, Galicia cumpre 20 anos de adhesión á Campaña Mundial pola Educación. Na actualidade son cinco as entidades que participan dunha maneira coordinada a nivel global para apoiar as accións de incidencia no contexto autonómico, a Universidade de Santiago de Compostela a través do Grupo de Investigación Terceira Xeración, Educo, Ayuda en Acción, Entreculturas e Taller de Solidariedade participan de maneira activa en defensa do dereito á Educación universal.