A alimentación saudable é unha das primeiras barreiras na prevención do cancro, sinala Marta López Alonso
A alimentación saudable é unha das primeiras barreiras que temos á man para a prevención do cancro, segundo sinala a profesora na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC, Marta López Alonso, quen ofrecerá este sábado, a partir das 11.00 horas, unha sesión informativa na Praza de Abastos de Lugo, sobre a importancia e os beneficios que reporta para saúde. Esta acción, na que tamén participarán outros investigadores da USC, desenvólvese ao abeiro do proxecto ‘Minerais contra o cancro’, unha acción de ciencia solidaria promovida pola USC xunto co Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) co obxecto de investigar o cometido dos minerais en pacientes oncolóxicos e a súa posible incidencia na prevención e recuperación de determinados tipos de tumores.
“Os alimentos constitúen a principal vía a través da que inxerimos minerais e aportamos as distintas propiedades que precisa o noso organismo”, di López Alonso, para, de seguido, salientar a necesidade de informar e concienciar á sociedade sobre a importancia da alimentación na saúde. “A Praza de Abastos, onde podemos atopar produtos frescos (peixe, carne, mariscos, ovos, verduras...) de proximidade e de máxima calidade é un dos mellores enclaves para facer este labor de promoción de bos hábitos alimenticios”, subliña López Alonso, que estará acompañada por outros investigadores do Campus de Lugo implicados nun proxecto de I+D aberto ao crowdfunding na web www.precipita.es e que xa recaudou preto de 29.000 euros desde mediados de xaneiro.
A coñecida importancia dos minerais como nutrientes esenciais en moitos procesos fisiolóxicos e bioquímicos e a súas propiedades como antioxidantes, inmunomoduladores e antiinflamatorios está no xerme da iniciativa de I+D lanzada conxuntamente por investigadores da USC e do HULA, unha proposta científica que comezará coa elaboración dun estudo de diagnóstico dos niveis de minerais da poboación luguesa que non presenta ningún tipo de enfermidade, a fin de establecer logo os niveis basais.
Á espera de poder comezar nos vindeiros meses as análises para comprobar posibles deficiencias do nivel de minerais como selenio, iodo ou cobre entre a poboación luguesa, a coordinadora do proxecto ‘Minerais contra o cancro’ reiterou o seu agradecemento pola boa acollida que está a rexistrar esta iniciativa de I+D+i na sociedade luguesa, un apoio que se materializou xa en achegas económicas por un importe de preto de 29.000 euros, unha cifra que podería incrementarse ao longo ata mediados de marzo, cando remata o período habilitado pola Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt) para facer doazóns económicas a través da web www.precipita.es.
Alén da cuestión económica, que é imprescindible para poder desenvolver a investigación, López Alonso destaca a fonda implicación nesta causa de determinados sectores ou estamentos sociais. Neste senso, a coordinadora de ‘Minerais contra o cancro’ puxo en valor a colaboración recibida desde o mundo do deporte, unha implicación que clubs como o CB Breogán, CD Lugo ou o Ensino Lugo, materializaron a través da doazón de camisetas asinadas polos integrantes dos principais equipos masculino e feminino de baloncesto na cidade, ademais de polo seu equipo de fútbol. As prendas doadas polos diferentes equipos serán sorteadas entre as persoas que fixeron doazóns ao proxecto ‘Minerais contra o cancro’ a partir do vindeiro mércores.
Os doantes inscritos como tales na web do proxecto ‘Minerais contra o cancro’ tamén poderán participar no sorteo dun lote de libros achegado pola Deputación Provincial de Lugo, segundo lembrou López Alonso, que estendeu os seus agradecementos ás dúas asociacións luguesas implicadas na loita contra o cancro (Asociación Española contra o Cancro e Somos Unidos polo Cancro), así como a todas as persoas e empresas que apoiaron esta causa con doazóns, así como ás diversas administracións implicadas tamén nun proxecto que agarda contribuír a mellorar a saúde dos pacientes oncolóxicos.