Ir o contido principal

Alexandre Sotelino, entre os dez mellores docentes universitarios nos premios Educa Abanca 2023

O profesor da USC Alexandre Sotelino cos galardóns obtidos en sucesivas edicións dos premios Educa Abanca. FOTO: David Álvarez/USC
O profesor da USC Alexandre Sotelino cos galardóns obtidos en sucesivas edicións dos premios Educa Abanca. FOTO: David Álvarez/USC
O profesor da Facultade de Ciencias da Educación foi o único dunha universidade galega entre os finalistas do certame

O profesor do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación da USC Alexandre Sotelino Losada foi de novo seleccionado entre os dez mellores docentes das universidades españolas nos premios Educa Abanca, na edición correspondente a 2023. Os galardóns entregáronse recentemente na Coruña e o docente foi o único galego na categoría correspondente ao ámbito universitario.

Esta é a cuarta nominación para Sotelino, quen gañou o premio no curso 2021-2022. Recentemente tamén lle foi concedido o Premio Alfredo Iglesias á difusión científica e presentou o libro A Educación en Galicia en Perspectiva: Alicerces para o porvir' (Edicións USC), volume do que é coordinador e que promoveron o Parlamento de Galicia e a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para situar o estado actual dos diferentes contextos educativos e abrir novos horizontes de cara aos anos vindeiros. O docente, de orixe ourensá, manifestou "o seu compromiso histórico coa cultura galega, recuperando, conservando e difundindo múltiples manifestacións do patrimonio inmaterial endóxeno".

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.02.2024.