Ir o contido principal

Advirten unha menor autonomía das mulleres caboverdianas asentadas na Mariña no último lustro

A investigadora xunto a integrantes da comunidade caboverdiana da Mariña
A investigadora xunto a integrantes da comunidade caboverdiana da Mariña
Unha tese estuda en profundidade a comunidade de mulleres caboverdianas establecida en Burela dende 1978

O contacto directo e continuado ao longo de quince anos da investigadora Luzía Oca González coas mulleres caboverdianas que migraron a Burela dende 1978 e coas súas familias na súa illa de orixe, Santiago de Cabo Verde, derivou nunha tese de doutoramento defendida recentemente na USC e que supón o primeiro traballo científico en profundidade sobre a comunidade caboverdiana establecida na Mariña de Lugo. O enfoque antropolóxico que guía este traballo permite ir máis alá da visión superficial que lle atribúe unha perfecta integración en Galicia, documentando diversas etapas na relación entre a comunidade caboverdiana, as institucións e a sociedade burelá e resultando unha recente perda de importancia da matrifocalidade, que está a provocar unha menor autonomía das mulleres caboverdianas no último lustro. En ‘Caboverdianas en Burela (1978/2008): migración, relación de xénero e intervención social’, dirixida pola profesora do Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social da USC Nieves Herrero Pérez e avaliada con sobresaliente cum laude, a súa autora parte da experiencia como coordinadora do Proxecto BogAvante, a primeira intervención realizada co colectivo caboverdiano (1998/2000) para analizar dende a perspectiva de xénero e feminista a vida das mulleres caboverdianas ao longo de tres décadas. Luzía Oca aborda as posicións das mulleres nos procesos de formación da sociedade caboverdiana e na súa evolución, suxeita aos terribles ciclos de seca e fame que asolaron o arquipélago nos seus cinco séculos de historia. Na investigación ocupa unha parte relevante a análise das relacións de xénero ­–como concepto estruturador das migracións– da sociedade rural da illa de Santiago, da que proceden os homes, mulleres e crianzas que compoñen este colectivo, un dos primeiros da inmigración galega. Dous grupos migratorios diferenciados No traballo divídese a comunidade caboverdiana en dous grupos. Por unha banda, as mulleres chegadas ao longo das primeiras dúas décadas de asentamento en Burela, case todas como esposas de mariñeiros de altura, “pioneiras que construíron as súas familias e criaron aos seus fillos e fillas en fogares nos que o home era un elemento ausente, cunha configuración de tipo matrifocal”, explica a autora. Estas mulleres e as súas familias beneficiáronse dunha intervención social participativa e empoderadora que utilizou o método etnográfico para provocar mudanzas na comunidade, especialmente no acceso aos dereitos de cidadanía e na explosión pública da cultura caboverdiana, que ate ese momento tiña estado relegada aos ámbitos doméstico e comunitario. O segundo grupo aparece na primeira década do XXI, tras unha etapa de crise na que se produciu a reemigración dun terzo da comunidade. Aquí o fluxo migratorio intensificouse, aproveitando a crecente demanda de traballadores para a pesca e outros sectores, incluídos algúns feminizados, o que se conxugou cun novo marco legal que facilitou a migración legal, provocando a triplicación do colectivo caboverdiano que hoxe está máis diversificado que nunca, “coa existencia de grupos diferenciados entre os colectivos adulto, infantil e xuvenil que fixeron xurdir novas dinámicas comunitarias entre os colectivos de longa ou curta presenza en Burela”, apunta a autora.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.12.2013.